El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Javier Vaz, profesor e xornalista

"O reporteiro torna en vítima e obxectivo"

Javier Vaz, reporteiro de guerra, viaxou por todo o mundo deixando a súa rúbrica nos conflitos armados das décadas dos 80 e 90. Este integrante da 'Tribu' liderada por Manuel Leguineche, hoxe instrúe ás novas xeracións de xornalistas galegos na Universidade de Santiago de Compostela (USC)

FOTO: MIGUEL GÓMEZ
FOTO: MIGUEL GÓMEZ

ANA GONZÁLEZ CANCELA  | 24.06.2018 
A- A+

Recorda os seus primeiros pasos como xornalista?

Como no 1984 non tiña outra opción e saber inglés era un salva conduto, mudeime a Londres. Alí comecei a miña andaina como xornalista. Aprendín o oficio de reporteiro e conseguín unhas prácticas mal pagadas. Traballaba nunha oficina para correspondentes en Televisa, a compañía de televisión mexicana encargada de difundir a información para todas as cadeas privadas de Estados Unidos.

Que lle impulsou a decantarse polo mundo bélico e como foi a súa traxectoria?

Calquera pode ser reporteiro de guerra. Aínda que debe ser alguén disposto a pasar privacións, que lle guste a aventura, atrevido e valente. A pesar de que ao principio sempre o es, pero logo chega o medo. No meu caso decanteime por ese mundo xa que quería cubrir á actualidade informativa. Tras 18 meses en Sudáfrica cubrindo o apartheid, acabou a miña etapa en Londres. Despois contratáronme na Televisión de Galicia (TVG) coincidindo cos grandes conflitos de finais dos 80 e 90. Estiven en Croacia, xusto cando Serbia bombardeara Dubrovnik, na Guerra do Golfo, e na dos Balcáns con Ana Expósito que foi a que realmente se comeu a guerra. Despois o periodismo de guerra cambiouse, mudaron as empresas, os obxectivos, e fíxose cada vez máis complicado.

A información que se publicaba era a mesma que enviaba aos medios de comunicación?

O principio había un problema tecnolóxico, mandabas a crónica, por un lado, por teléfono ou satélite, e por outro, as imaxes que eran editadas na propia redacción. O montador seleccionaba as que se lle ocorrían. Era frustrante porque non tiñas control sobre o resultado final do teu traballo. Isto cambiou coas novas tecnoloxías, que permiten ter un maior control sobre o que está pasando e como o queres contar.

Que diferenzas atopa co xornalismo de guerra actual, considera que a figura do xornalista bélico está recoñecida?

É unha figura mitificada. Fanse moitas películas, e Pérez-Reverte axudou. Non sabería dicir, pero non creo que estea infravalorada. Houbo grandes reporteiros, e seguíranse a facer grandes reportaxes. Outra cousa é que as circunstancias actuais cambien completamente. O reporteiro deixa de ser unha persoa neutral e torna en vítima e obxectivo; secuestrámolo, pedimos un rescate e saímos nos medios. Ías de "aventureiro", e convertíaste nun refén. Entón os cambios débense a razóns económicas e de seguridade. As cadeas deixaron de mandar reporteiros propios e comezaron a contratar o que chaman eles locals, locais. Para os medios non é o mesmo que secuestren a un afgán que a un correspondente da BBC. Ademais, ás empresas xa non lles interesa o que dis, só que a canle estivo alí. Pérdese o sentido do xornalismo tradicional: dar a coñecer conflitos remotos ou aqueles que están á volta da esquina.

Onde encontramos a ética nun correspondente de guerra, quen ten que por os límites?

Trátase dun consenso entre o medio e o propio profesional, aínda que ti non podes ser parvo. Ti es o que está sobre o terreo, como dirían os militares, e ti decides ata onde chegar pola información. Como xornalista estás obrigado a relatar o que ves. Como reporteiro, o que acostuma a pasar é que che falten partes, aínda que ti as contas con total honestidade. Nós sempre informabamos dende o punto de vista das vítimas, que eran sempre civís.

Nunha resposta anterior menciona a Arturo Pérez-Reverte, como foi traballar con el e con Manuel Leguineche, ilustres reporteiros de guerra?

Leguineche estaba naquel momento facendo varios documentais para a Televisión Española (TVE) sobre a caída dos réximes comunistas en Hungría, na zona Balcánica. El foi o mestre de todos os reporteiros de guerra, ensinábanos todos os trucos. Arturo Pérez-Reverte e eu coincidimos varias veces, aínda que daquela ninguén lle coñecía nada como escritor. Simplemente era un xornalista garrido que andaba por todos os conflitos.

Como reacciona a xente cando coñece o seu pasado profesional como correspondente bélico?

Eu non comento nada, só digo que son xornalista. Tiña un veciño que si o sabía, e non se deitaba ata que me vía aparecer na televisión, ata a última crónica. Expliqueille que porque me vira alí non quería dicir que fose en directo, podía estar gravado.

Arrepíntese nalgún momento do camiño escollido?

Non, porque non hai maneira de volver atrás. Eu non o tiña previsto así, sae. É como cando te namoras, son cousas que non se planean. Isto pode resultar interesante para algunhas persoas ou non. Son opcións distintas. Ese pasado influíu na miña visión persoal do mundo, son máis tolerante e deixoume ver as cousas dunha maneira máis relativa. Por exemplo, Bucarest, ano 1991, revolta contra Ceauçescu, chegamos a unha estación e dividímonos en dous grupos. Nun cruce, un compañeiro topouse cun tiroteo e "caeulle" un tiro. Iso é mala sorte, pasa na vida.

Animaría ás novas xeracións de xornalistas a especializarse neste campo?

Animar, non. É unha decisión que ten que tomar cada un. Nin sequera ao meu fillo que acabou agora a carreira de Xornalismo lle recomendo nada. O máis importante é pensar nas cousas que a un lle interesen, escribir poesía ou subir ás montañas. Intentar buscar algo que che permita vivir, disfrutar da vida e ser feliz. Manolo Rivas sempre me contaba o que lle dicía a súa nai, "busca un traballo onde non chova". Quizá é o que buscamos todos, os traballos nos que chove son duros.

Que reflexión sacaría sobre as súas vivencias coma correspondente de guerra?

Que estivo ben, e non hai que queixarse de nada. Se se deran as circunstancias seguramente volvería a facer o mesmo, a cometer os mesmos erros. Acórdome da Guerra do Golfo, varios xornalistas estabamos no aeroporto de Tel Aviv, cando de súpeto soan as alarmas por un ataque aéreo. Estabamos moi asustados e debaixo dunha mesa. Aos cinco minutos comentabamos que que facíamos alí. Saímos un reporteiro Sueco, un diplomático xaponés e eu, e collemos un taxi que nos levase a Xerusalén. Este quería cobrarnos 50 dólares e nos só dispostos a pagarlle 40. É curioso que cinco minutos antes estiveramos practicamente mortos e agora discutiamos por 10 dólares. Así funcionaba aquilo.

ENTREVISTA

"Calquera pode ser reporteiro de guerra. Aínda que debes ser atrevido e valente. Ao principio o es, logo chega o medo"

"Ti decides ata onde chegar pola información. Como xornalista estás obrigado a contala con honestidade" partes, aínda que ti as contas con honestidade"