El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Elos de lectura

Literatura infantil e xuvenil

COORDINA BLANCA-ANA ROIG RECHOU  | 24.06.2018 
A- A+

Ver, pensar e sentir coa mirada da infancia

TEXTO: RAQUEL SENRA / ELOS

Apetéceche mergullarte nun poemario ilustrado no que as protagonistas son as crianzas, o seu mundo e a forma que teñen de velo?

Cara de velocidade gañou o X Premio de poesía para nenas e nenos Ciudad de Orihuela e foi publicado pola editorial Kalandraka o pasado mes de marzo. Unha obra escrita inicialmente en lingua galega e posteriormente traducida ao castelán para participar neste certame que loa a figura de Miguel Hernández.

Esta colección de poemas pódese entender coma un percorrido a través da cidade que leva á protagonista a descubrir que o tesouro que anda buscando non está fóra, no exterior, nin nas cousas, senón que está dentro de cada persoa, e dela tamén. Mediante accións cotiás imos viaxando por diferentes lugares como a cociña, o comedor ou as estacións do metro, e neles póñense sobre a mesa diversos temas: a diversidade, o paro, o existencialismo, o poder da fantasía, a igualdade... Todas estas reflexións sobre o mundo creado polos adultos, están aderezados con toques musicais e moito humor.

A súa autora, Marga Tojo (Santiago de Compostela), dedícase ao xornalismo e forma parte do consello editorial de Altermundo. Nestas páxinas transcribe o mundo desde o punto de vista das crianzas, porque as nenas e os nenos tamén pensan. Emprega a primeira persoa, versos sen rima e unha linguaxe próxima e impregnada de toques de humor. En ocasións, vai acompañada de referencias musicais, de notas explicativas e mesmo dun enigma! Coas súas palabras convida ao lectorado a poñerse no lugar desa heroína, que podemos ser calquera de nós, e a recapacitar sobre as nosas accións e as realidades que nos acompañan, así como a gozar das pequenas cousas.

O texto está complementado polas marabillosas e expresivas ilustracións de María Hergueta (Valencia) nas que predomina a forma sobre as tres cores que emprega. Teñen carácter de bosquexo, con trazos soltos e repetidos, que fai que conserven esa frescura do impulso, do que sae de dentro, e nos acheguen, dalgún xeito, aos debuxos da infancia. O seu álbum ilustrado, Cuando no estás aquí, foi seleccionado para o catálogo White Ravens en 2013.

Estamos ante unha obra que defende as crianzas e o seu xeito de pensar, ademais de que as súas miradas, cargadas de superpoderes, poden axudarnos a descubrir o noso tesouro. Quedarás con moi bo sabor de boca tras este percorrido de versos!

raquel.senfer@gmail.com

 

Semana do Libro de Compostela

TEXTO: MARTA NEIRA  / USC/CRPIH

Nestes días rematou a segunda edición da Semana do Libro de Compostela (SELIC) que, desde o día 1 ao 10 de xuño, acolleu na praza da Quintana diferentes actividades, tales como exposicións e presentacións de libros, grupos de traballo, actividades infantís, obradoiros e rutas e sesións musicais.

En relación directa coa LIX, neste proxecto singular, alternativa ás feiras do libro tradicionais que aposta pola posta en valor do libro en galego, pero tamén das librarías e editoriais compostelás, presentáronse o poemario Cara de velocidade, de Marga Tojo, e o álbum Manuela, de Javier Martínez e Carmen Queralt. Tamén se realizaron, entre outras actividades dirixidas aos máis novos, contacontos a cargo de Mercedes Queixas (Xandra e a landra que quería voar) e Eli Ríos, esta última ao redor de María Victoria Moreno, así como obradoiros de ilustración, impartidos por Eva Agra, Enrique López e Blanca Millán. marta.neira@usc.es

 

Embora recupera 'Caderno de fume'

TEXTO ROCÍO GARCÍA USC/CRPIH

A principios de ano Edicións Embora recuperaba na colección Fardel dos soños o poemario infantil Caderno de fume, de Antonio García Teijeiro, recentemente galardoado co premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por Poemar o mar. Neste libro, que fóra publicado por Anaya no ano 1999 e ilustrado por Xosé Cobas, identifícanse o fume coa palabra e o caderno como ferramenta para a creación poética. Poetízanse elementos da natureza e outros como papaventos, gamela, compás.., combinando as rimas dos romances de absoluta simplicidade con construcións máis elaboradas, nas que se experimenta coa musicalidade e o ritmo forte e suxestivo, sen esquecer acenos cara a escritores como Federico García Lorca, Rafael Alberti e Rosalía de Castro.

Trátase dunha fermosa proposta lírica cunha sólida coherencia temática e formal que nesta ocasión dialoga visualmente coas fantásticas ilustracións de Leandro Lamas. rocy_gp@gmail.com

 

'Os Megatoxos e a batalla de Rande'

TEXTO: CARMEN FERREIRA ICE-USC/CRPIH

Edicións Xerais de Galicia acaba de publicar un novo título da exitosa saga dos Megatoxos, creada por Anxo Fariña, que vén a ampliar as aventuras protagonizadas por este grupo de rapaces adolescentes con poderes extraordinarios que adquiriron tras ser picados por un toxo e que viaxan no tempo a diferentes lugares para atopar o antídoto. Os Megatoxos e a batalla de Rande únese pois aos cinco títulos anteriores: Os Megatoxos e o aprendiz de druída, Os Megatoxos e os templarios da luz, Os Megatoxos e a cara oculta da lúa, Os Megatoxos e o dragón de xade e Os Megatoxos e a espada esmeralda. Nesta ocasión os protagonistas de excursión ás ruinas militares de Cabo Silleiro viaxan á batalla naval de Rande, acontecida o 23 de outubro de 1702 na Ría de Vigo, onde Ruxe, Faísca, Ninfa, Lúa e os xemelgos vivirán aventuras enfiadas pola amizade e o amor e coñecerán a existencia dun novo galeón "O Indomable", que porta unha arma capaz de cambiar a historia. verinesa@yahoo.es

 

'Son unha noz', de Beatriz Osés

TEXTO: GIULIA VEZZARO LITER21-USC 

Nun mundo desesperado e desencantado, cheo de soidade e incomprensións, onde a compaixón semella non ter un sitio no corazón da xente, Omar, o neno noz do carácter doce e sensíbel, consegue que os maiores vexan máis aló dos seus límites e empecen a quererlle e a perdoarse un pouco a si mesmos e aos demais. Isto é do que quere falarnos Beatriz Osés (Madrid, 1972) no seu novo libro Son unha noz (Rodeira, 2018), que recibiu o premio Edebé de Literatura Infantil e que foi traducido ao galego pola filóloga María Xesús Gómez Sanjurjo.

As ilustracións son do artista Jordi Sempere (Barcelona, 1963) quen, neste caso, elixiu debuxos moi simples, mesturando as cores e os trazos feitos con lapis, que resumen os acontecementos, inseríndose entre un capítulo e outro.

O relato conta a historia de Omar, un neno inmigrante que perdeu os seus pais durante a fuxida da guerra. Na procura dunhas condicións de vida mellores noutro país, refúxiase en Italia (país que se está vendo moi afectado polo tema da inmigración ilegal) na nogueira da amargada mais excelente avogada Rosana Marinetti quen contará coa axuda dunha peculiar agrupación de testemuñas, todos veciños seus: o botánico William Peterson, coa súa cuestionable sabedoría sobre as plantas, Madame Juliette Lambert, especialista en tecidos; e o zapateiro do olfacto infalible Fabrizio Gabrielli. Todos eles, por distintas razóns, colléranlle moito cariño ao pequeno. A avogada consegue demostrar, nun xuízo disparatado e cheo de ironía e comicidade, que Omar é unha noz porque caeu da mesma árbore e que, segundo unha lei do século XIX, lle pertence a ela a custodia por ter acontecido o feito nun terreo da súa propiedade. O tema da loita para conseguir un futuro mellor desencadea toda a historia na que uns pais desesperados soñan con que o seu único fillo poida "medrar entre as flores".