El Correo Gallego

Noticia 17 de 317 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

Deputación e concellos da Baixa Limia e Terra de Celanova asinan un convenio para renovar instalacións de iluminación exterior

O Acordo regula a concesión de axudas a proxectos singulares de entidades locais que favorezan unha economía baixa en carbono, no marco do programa FEDER de crecemento sostible 2014-2020.

14.04.2018 
A- A+

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar e os alcaldes dos concellos de Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios, Muíños, A Bola, Celanova, A Merca, Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea asinaron un convenio para a renovación de instalación de iluminación exterior nestes municipios das comarcas da Baixa Limia e Terra de Celanova. O convenio recolle a aceptación dos concellos a participar a través deste proxecto na convocatoria regulada polo Real Decreto 616/2017, do 16 de xuño, referida á concesión directa de axudas a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.

O importe total da actuación en cada municipio será de 65.000 euros. A Deputación acometerá os investimentos, que serán cofinanciados polo FEDER (80 %), pola Deputación de Ourense (15 %) e o por cada concello (5 %).

Os concellos, pola súa parte, autorizan á Deputación para que presente ante o IDAE no seu nome toda a documentación necesaria referente a estas axudas; declaran que as actuacións a realizar son en bens inmobles de titularidade municipal; sométense á normativa comunitaria e nacional de aplicación así como o disposto no RF 616/2017; e colaborarán coa Deputación, achegando os datos, información e documentación necesarios para a elaboración da mesma. Ademais, participarán activamente na dinamización do proceso de participación pública que se poida requirir para a execución do proxecto.