El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Xénero e cinematografismo

Visión panorámica da construción do xénero na literatura infantil e xuvenil e traslado ao ámbito cinematográfico

INÉS SÁNCHEZ DÍAZ-MARTA.   | 14.08.2016 
A- A+

A revista ELOS afonda no estudo, na crítica e no debate da Literatura Infantil e Xuvenil, constituindo un espazo de reflexión no que este tipo de literatura é a protagonista absoluta. No número 2 (2015) son de salientar neste sentido dous traballos que ofrecen aos mediadores, que deben formar literiariamente os máis novos, adaptacións de contos tanto da transmisión oral e da escrita, un mecanismo moi empregado para chegar a un público infantil e xuvenil. De aí que no artigo "Disney e os contos de fadas: historia dun secuestro" María Míguez López dea conta da historia das adaptacións de fábulas cun amplo contido violento, cara a unhas versións moito máis edulcoradas, dirixidas a un extenso público infantil, destacando as historias procedentes de contos de fadas, como La Bella Durmiente, Blancanieves, Cenicienta, Pinocho e Bambi, que o estudio Walt Disney Pictures adaptou cinematograficamente.

Outra contribución importante para a Literatura Infantil e Xuvenil dos últimos anos é o cambio de rol das personaxe femininas. Fernando José Azevedo, Ángela Balça, Moisés Selfa Sastre e Judite Zumith Cruz son os encargados de realizar unha visión panorámica a través dun pequeno corpus de seis álbums narrativos infantís publicados na Península ibérica, onde as princesas, as nais e as fillas son mulleres valentes que non agardan o rescate de ningún príncipe azul: A princesa espertalhona (2004), A Princesa que queria ser rei (2007), O livro dos porquinhos (2006), Rosa Caramelo (2012), A cinderela que não queria comer perdizes (2009) e Há algo mais aborrecido que ser uma princesa cor-de-rosa? (2010). Mediante este corpus, ponse de manifesto a importancia dunha conciencia feminista nas pesonaxes, loitando contra a superficialidade coa que se constrúen os roles femininos na sociedade e na literatura universal. Os roles que se presentan nas obras infantís e xuvenís proceden dos estereotipos sociais, mais tamén segundo Joan Scott dos prexuízos tanto do escritor, coma das expectativas sociais, da comunidade á que pertence ou ás experiencias persoais. Deste modo, as obras actuais para os adolescentes tratan de derrubar os tópicos, sendo as propias princesas as que se salvan a si mesmas, insistindo en proclamar a súa independencia perante seu pai, o rei, para non ser obrigada a contraer matrimonio (A princesa espertalhona). Os animais tamén toman partido nesta loita, coma en Rosa Caramelo.

sandru92.uessa@gmail.com