El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Violencia doméstica e racismo: un canto á liberdade

SANDRA FERNÁNDEZ QUEIRUGA-USC  | 07.08.2016 
A- A+

O Boletín Galego de Literatura é unha revista literaria redactada enteiramente en lingua galega, que acolle traballos de literatura, teoría literaria... de calquera país e tamén sobre Literatura Infantil e Xuvenil. No número 47 (2015) son de destacar traballos como "O corpo maltratado, sinécdoque da violencia de xénero na literatura vasca" no que Gema Lasarte escolle un corpus de estudio de cinco novelas: Tango Urdina (2003), Zoaz infernura, laztana (2008), Zureak egin du (2009), Golgota (2008) e Aulki jokoa (2009) nas que a violencia física e psíquica por parte dos homes cara ás súas mulleres é a protagonista, xunto coa violencia infrinxida ás mulleres nos períodos de guerra e a importancia do estudio do "corpo", o corpo humano como metáfora da historia, como narrador da crueldade e a violencia a través das imaxes das mulleres maltratadas.

No traballo "Canción do Sur, ou como Disney transformou ao tío Remus no tío Tom", María Míguez López analiza a violencia nun curioso filme, Canción do sur, a única película que a compañía Disney non ten á venda, por considerarse racista. A factoría adaptou a representación dunha obra literaria de Joel Chandler Harris, da cal se distancia notablemente, para adecuala a un público máis infantil como simple pasatempo, mentres que a historia orixinal versa sobre as narracións animadas dun escravo negro (o tío Remus). Son moitos os que cren que a factoría Disney traizoa o espírito da obra de Harris, sumindo ao tío Remus fílmico nun mero contacontos, esquecendo por completo o trasfondo social e cultural da obra.

Por último, Rui Miguel Mateos en "O Nascimento de um Héroi: análise da segunda cena do acto primeiro da ópera Ulisses em Lisboa de Francisco José Freire" analiza esta historia dun pastor reconvertido en heroe homérico, sometido a probas para lograr o amor da princesa Elisa, que asume novos roles e xogos de poder para chegar a alcanzar o status social da dama. Ademais na sección "Libros" acóllense recensións de monografías, entre elas tres dedicadas á LIX: Inmigración/Emigración la Literatura Infantil e Xuvenil (2014), The Representations of Spanish Civil War in European Children's Literature (1975-2008) (2014) e Historia de Literatura Infantil e Xuvenil galega (2015).