El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Un lapis moi especial e transgresor nunha escola opresora

CARMEN FERREIRA  | 12.06.2016 
A- A+

A produción narrativa do mestre e escritor Antón Cortizas (Ferrol, 1954) caracterízase polo uso da literatura de transmisión oral, da fantasía, da imaxinación, do humor e do xogo. Foi recentemente galardoado na I Gala do Libro Galego na modalidade de teatro coa peza dramática Xogando con gatos (Xerais 2015), que xa recibira o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2014. En outubro do pasado ano recuperou, actualizado á normativa vixente, o relato O lapis de Rosalía publicado por Edicións Xerais de Galicia na serie azul da colección “Merlín”, dirixida á infancia de 7 anos en diante. Esta obra narrativa, que fora publicada aló polo ano 1992 na emblemática colección “O Barco de Vapor” de Ediciones SM, contaba con ilustracións realizadas por Margarita Menéndez que agora son substituidas polas de David Sierra Martínez.
Trátase da historia dunha nena de seis anos, chamada Rosalía, que se pón moi contenta porque seu pai lle regala un lapis novo moi especial. Cando vai á escola e ten que escribir o que lle dita a mestra, o lapis rebélase e escribe o que lle parece, provocando o enfado da mestra por incumprir as súas ordes. Non obstante, os compañeiros de clase están encantados coa maxia que recende o lapis e non deixan de pedirllo prestado para debuxar e escribir cousas marabillosas, ofrecéndolle a cambio os seus tesouros.
É de salientar dous elementos que se configuran como símbolos neste relato: a nena Rosalía, que lembra á recoñecida escritora padronesa, e o lapis, obxecto cotiá do material escolar e verdadeiro protagonista, que se configura no elemento transgresor e rupturista que dá entrada á liberdade creadora nun mundo educativo que coarta e atafaga a fantasía dos nenos. Pois na escola de Rosalía imperan as actividades mecánicas, monótonas e aburridas que a mestra autoritaria obriga a facer aos nenos para a aprendizaxe da lectoescritura. Así, o lapis introduce o mundo da fantasía, do humor, do riso, configurando un rico retrato crítico da escola represora e incomprensiva que non permite o desenvolvemento da creatividade literaria infantil. Ademais as ilustracións de David Sierra Martínez apoian o texto ao retratar os personaxes e incidir na estreita relación entre Rosalía e o lapis.
verinesa@yahoo.es