El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

'Todo o tempo do mundo': reivindicación do rural

David Pérez Iglesias, autor da premiada Todo o tempo do mundo - FOTO: ecg
David Pérez Iglesias, autor da premiada Todo o tempo do mundo - FOTO: ecg

EULALIA AGRELO.   | 31.12.2016 
A- A+

Desde o pasado mes de xuño sóubose que a obra gañadora do Premio Merlín era para Todo o tempo do mundo, da autoría de David Pérez Iglesias, escritor descoñecido na LIX galega se ben coñecido como narrador na literatura de adultos desde finais dos anos oitenta e bo coñecedor, como amosa neste relato, do léxico, da antropoloxía, da mitoloxía, das lendas e da cultura do rural galego.

A novela, dedicada "Para Aida", unha das fillas do autor, iníciase c­unha cita de Novoneyra, poeta do Caurel por antonomasia cuxa obra está moi presente neste relato, á que lle segue unha carta dirixida a Ariadna, "Un camiño no bosque", asinada por David e na que se comenta a importancia da escrita e se lle cede a voz á protagonista para que conte a súa historia.

Ao longo de 35 capítulos titulados, unha voz en primeira persoa, a da "nena de case doce anos", Ariadna, lembra desde a distancia temporal e espacial os poucos días que viviu na compaña do avó Valente na aldea de Albariza, topónimo que lembra as antigas construcións existentes en diferentes zonas do interior lugués e pontevedrés para resgardar as colmeas e que incide na localización da acción nun espazo rural do interior galego. A obra, destinada a un lectorado "De 11 anos en diante", máis recomendable e mesmo do gusto dos lectores de máis idade, achégase á situación de moitas familias que na actualidade teñen que emigrar para poder sobrevivir, mais tamén á relación entre pais e fillos e, sobre todo, entre avós e netos. Así mesmo é unha clara reivindicación do rural galego, que é abandonado pola xente e que se pon en contraposición co mundo moderno e urbano que en moitas ocasións renega das orixes.

No que ás ilustracións se refire o texto acompáñase dos debuxos figurativos de Marcos Viso que representan as situacións vividas por Ariadna e polo avó; pequenos detalles da narración ou escenas desde un ángulo cenital. Con todo, é de destacar o primeiro plano do rostro do ancián que deixa intuír o seu carácter.

Trátase dunha novela realista que bebe de fontes clásicas universais, ao tempo que se sitúa na liña de obras galegas que se achegaron ao tratamento do rural galego (neste caso desde unha ollada feminina) e que, en certo sentido, transmite tristeza a quen coñeceu o mundo que se retrata e ve como desaparece, mais tamén dunha novela esperanzadora pois Ariadna convértese na herdeira desa terra galega que agora sabe valorar.