El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Teatro infantil: a risa como terapia

os creativos tratamentos da doutora Ledicia

ISABEL MOCIÑO. UVIGO/ELOS  | 04.12.2016 
A- A+

Son poucas as obras de teatro que se publican cada ano dirixidas á infancia, especialmente se as comparamos co xénero narrativo. É polo tanto de agradecer que se incorporen autores novos ao panorama literario, sobre todo se contan cunha traxectoria tan dilatada no eido teatral como é o caso de Raquel Castro (Alxén, Salvaterra de Miño, 1971), unha docente que leva décadas escribindo teatro e dirixindo colectivos e grupos de amadores.

A súa primeira peza infantil foi publicada por Galaxia neste 2016 co título As terapias da doutora Ledicia. Recibiu en 2014 o Premio de Honra dos premios Estornela de Teatro, convocados pola Fundación Xosé Neira Vilas, e conta coas ilustracións de Almudena Aparicio.

A obra desenvólvese nun único acto e dúas escenas, que decorren na consulta da psicóloga Ledicia quen, coa colaboración da súa axudante Carolina, atende con afán e agarimo os conflitos persoais que lle confian media ducia de estrafalarios e divertidos personaxes nunha sesión de risoterapia: Euloxio Ribeiro, máis coñecido como o Home do Saco, que perdeu as súas facultades para meter medo e sente que a súa vida non ten sentido; Armando Xesteira, que padece un tic nervioso que o leva a tocarlle a barriga a todas as persoas coas que se atopa, por iso lle chaman o Apalpador; Antón Fontao, que está atrapado na súa metamorfose entre home e lobo porque a xente deixou de crer no mito do lobishome; as Tres Marías (María dos Meles, María Castaña e María Silveira), que viven unidas de ganchete e non atopan a maneira de poder separarse; e unha vella que busca compaña de xente coa que falar e rir.

A sesión avanza entre as lamentacións duns, a risa dos outros, os consellos do grupo e os cantares que interpretan a coro, configurando un ambiente divertido que propiciará a solución a todos e cada un dos problemas cos que chegaron a este particular consultorio.

Recréase así o poder curador da alegría compartida nunha hilarante comedia na que as situacións cómicas, por veces absurdas, e a subversión de roles e estereotipos levan a un interesante diálogo coa tradición oral e os mitos e lendas netamente galegos, o que sen dúbida é un aliciente máis para achegarlle esta peza á infancia.

Desde aquí animamos a Raquel Castro a continuar publicando máis obras de teatro que acheguen aos mediadores textos para a súa representación cos máis novos, á vez que contribúen a coñecermos mellor a nosa tradición.

imocino@uvigo.es