El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Stevenson e a tenrura da súa poesía infantil

BLANCA-ANA ROIG RECHOU. USC  | 12.02.2017 
A- A+

Celia Vázquez presenta A Child’s Garden of Verses/Xardín de versos para o neno, edición bilingüe dos poemas infantís escritos por R. L. Stevenson, autor do clásico universal A illa do tesouro (1883). O volume, editado pola Universidade de Vigo, presenta un minucioso estudo introdutorio con sete apartados: “O poeta R. L. Stevenson”, “A child’s garden of verses”, “A ilustración dos poemas”, “O mundo da infancia na súa poesía. Temas recorrentes”, “O poeta, ecoloxista observador da natureza”, “A tradución da poesía: o marco estrutural e o contido literario” e “A retórica, nada sinxela”.

Este marco crítico sérvelle á tradutora/editora para achegar algúns datos biográficos relevantes da vida do autor e a súa influencia na creación poética, describir as principais características da súa pouco coñecida poesía infantil, as ilustracións que acompañaron as diferentes edicións do poemario desde 1896, o mundo da infancia que se recrea nos poemas e os temas recorrentes, así como as principais dificultades coas que se atopou para verquer estas composicións á lingua galega, tanto desde o punto de vista do contido dos poemas coma da retórica empregada.

Xa desde a introdución, Celia Vázquez explica o seu interese por traducir esta obra pouco coñecida e favorecer que os mediadores poidan achegarlle á infancia uns “poemas tan soñadores e marabillosos”. Salienta tamén o reto que supuxo a tradución, debido ao emprego dun discurso moi simbólico, polisémico e libre de ataduras lóxicas da linguaxe cotiá, o que a fai unha fonte de inesgotables posibilidades de tradución, dado o carácter fantástico do mundo recreado.

A edición reúne en inglés e galego os 66 poemas que viron a luz por primeira vez en 1885 e sobre os que a crítica ten sinalado que reflicten a visión dun adulto sobre a súa nenez, así como o feito de que é unha obra que mudou para sempre a forma na que se debía escribir a poesía para a infancia e sobre ela, polo que se converteu nun clásico e non deixou de se reeditar desde a súa publicación.

Unha obra na que Stevenson demostra unha gran capacidade para transmitir como é sentirse neno e pensar como tal, que agora chega á lingua galega nunha tradución que manifesta ser fiel á voz e sentimento do poeta, á súa sonoridade e musicalidade flexible, á impresión de encanto e fascinación dos versos orixinais, pero cunha naturalidade tal se fosen escritos orixinalmente na lingua de Rosalía de Castro.