El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

A sorprendente familia de 'un máis'

SARA REIS . UMINHO/ELOS  | 04.02.2018 
A- A+

Recentemente publicado por Kalandraka, Un Máis, de Olalla González (Marín, 1977) e Marc Taeger (Berna, 1963), é un apelativo álbum narrativo, un conto de animais que ficcionaliza, dun modo divertido, un conxunto de tópicos e/ou de valores intemporais.

A textualización da temática da familia, por exemplo, recurso creativo empregado con bastante asiduidade na literatura para a infancia, concrétase de forma engaiolante na obra que aquí comentamos, sorprendendo de verdade o pequeno lector. Neste conto acumulativo, González e Taeger poñen en escena a un pequeno coello, inicialmente fillo único e ansioso por superar esa condición, e á súa nai que vai ter un bebé. Personificados e marcadamente ben dispostos, estes personaxes animais dialogan, intercambiando palabras sinxelas sempre ao redor do momento no que o pequeno coello terá finalmente un irmán. A interacción celebrada entre estes co-protagonistas e as restantes figuras animais (un picapau, un esquío, un oso e unha ovella), cómplices do “segredo”, que participan igualmente na acción, caracterízase pola vivacidade e polo humor sutil.

A narrativa artéllase de forma repetitiva, a partir dunha estratexia compositiva que favorece a memorización e envolve o lector, estimulando a súa curiosidade. Noutras palabras, o relato asenta na reiteración e no paralelismo, manifestos nos sucesivos diálogos do pequeno coello con súa nai, nos encontros cos distintos animais e, inclusive, nas propias brincadeiras ou xogos que vai imaxinando. Ademais diso, crúzanse dous planos: o presente, é dicir, o tempo de espera e de expectativa, e o futuro, neste caso, imaxinado ou coincidente coas varias fabulacións do pequeno coello, que vai proxectando as diversas brincadeiras que terá “Cando sexamos un máis, poderemos...”. Para a materialización deste “xogo de tempos”, é fundamental o rexistro visual de Marc Taeger. Moi creativas, as súas augadas presentan tons suaves e liñas irregulares. A través da oscilación cromática e do recurso alternado á diversidade da cor e á monocromía, a composición ilustrativa recrea o presente do discurso e o futuro desexado do soño ou da imaxinación do personaxe principal.
En Un Máis converxen múltiples liñas ideotemáticas, como a familia, a infancia, a natureza, os xogos e brincadeiras, o tempo ou a espera, o nacimento e ata a sorpresa, todas do agrado e facilmente identificables polo pequeno lector que se recoñecerá nelas. sara_silva@ie.uminho.