El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

LITERATURA INFANTIL E XUVENIL

O soño de Bolboreta

Unha obra de teatro para ler, representar, cantar e xogar

VERÓNICA POUSADA PARDO. ELOS/CRPIH   | 09.07.2017 
A- A+

O escritor e crítico literario Arcadio López-Casanova (Lugo, 1942), merecedor de galardóns como o Premio Cultura Galega das Letras, Premio Otero Pedrayo ou Premio Voz de Liberdade, somerxese, desta volta, no mundo da Literatura Infantil e Xuvenil. Non é a primeira vez que a Literatura Infantil e Xuvenil ocupa un oco na súa ampla traxectoria creativa, que conta coa publicación, para os máis novos, dos contos O bosque de Ouriol (1973), As roitas da gamela (1976) e, recentemente, dos versos do fermoso Cancioneiriño (2016).

Da man de Ir Indo Edicións e dirixida ao público infantil, López-Casanova agasállanos coa obra teatral O soño de Bolboreta. Principia coa voz do Pregoeiro, semellante á dun narrador, que fala co público (ou lector), interpelándoo e conseguindo, deste xeito, conectar a historia cos receptores. Esta aventura onírica e fantástica, estruturada en dúas partes e catro cadros, está protagonizada por personaxes que mesturan na súa esencia realidade e ficción. Xira ao redor da celebración dunha grande festa na Illa Esmeralda durante a tarde-noite de San Xoán á que todos están convidados. Alí atópanse o Pai Sol, o Vento Azul, o Vento Verde, o Reiseñor e as nenas-flor Margarida e Campaíña. Antes de que comece a celebración chega á illa unha gamela con tres ocupantes descoñecidos: Bolboreta, Grumete e Boneco de Neve que acoden á festa na procura dunha solución para salvar o seu fogar. A ledicia enche cada recuncho da illa e non tardan en facerse todos moi amigos e gozar do baile e da música. Cando remata a festa, Margarida, Campaíña, Bolboreta, Grumete e Boneco de Neve quedan durmidos e viven un pesadelo conxunto, onde a Noite e o Vento Negro xogan con crueldade coas ilusións e esperanzas dos nosos marabillosos e extraordinarios protagonistas. Por sorte, coa chegada do día, aparece a Fada da Luzada coa Flor Verdeloura e todo torna xúbilo e felicidade.

Dada a calidade poética do escritor, non é de estrañar que se intercalen, ao longo da peza, fragmentos en verso, o que lle outorga ao volume un carácter máis lírico. O soño de Bolboreta é unha obra de teatro para ler, representar, cantar e xogar, que esperta a imaxinación e a creatividade de nenas e nenos. Cómpre que os máis pequenos saiban o que é soñar e sentir ilusión pola vida, que aprendan a importancia da amizade, a solidariedade e a esperanza, sobre todo no mundo actual, con constantes noticias de guerra, dor e sufrimento.

pousadascr@gmail.com