El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

ARQUITECTURA

A roseira de San Francisco: a restauración dun monumento

Por Pablo Tomé Ferreiro

03.07.2016 
A- A+

No verán de 2013 levouse a cabo, por parte do Consorcio de Santiago, a restauración da gran escultura pétrea do monumento a San Francisco de Francisco Asorey . Foron dous meses de intenso traballo que Uxía Aguiar Ballesteros e Francico Pin González levaron a cabo subidos ás estadas de sete andares de alto que rodeaban a gran escultura. Todo isto a partir do preciso proxecto da restauradora María García Gómez.

O monumento semella un cruceiro de 4 m de lado por 12 m de alto, que preside a adusta rúa de San Francisco, "camino de los frailes y los muertos, /siempre vacía y misteriosa siempre,/ con sus manchas de sombras gigantescas/ y sus claros de luz, /que hacen más triste/ su soledad y que los ojos hieren", ao dicir de Rosalía de Castro, rúa encadrada polos pétreos muros de San Martiño Pinario e do Hospital Real, da Facultade de Medicina e do convento franciscano, entre os que xorde axeitadamente a masa granítica en col da rexa plataforma que ostenta a inscrición conmemorativa, a data e a sinatura do escultor (como cita Ramón Otero Túñez).

Francisco Asorey levantou este monumento entre o ano 1926 e o 24 de xullo de 1930, data da súa inauguración para a conmemorar o VII centenario da morte de San Francisco de Asís. Francisco Asorey é o gran artista galego da primeira metade do século pasado e a quen queira afondar nel recoméndolle o libriño do Museo do Pobo Galego do ano 1989: Centenario Francisco Asorey.

ESTUDO DO MONUMENTO E PROCESO DE RESTAURACIÓN. Como é habitual cando un ten un proxecto entre as mans, o primeiro que fai é pensar e debuxar. O debuxo é o medio de expresión e de coñecemento que temos os arquitectos. Debuxando e medindo as pedras do monumento puiden ver as tres clases de granito e dúas de mármore das que está feito. Granito dourado de gran máis groso para o pedestal, granito fino para as esculturas, granito gris para o hábito do santo, mármore ocre claro para as encarnacións e mármore branco para o cordón franciscano. E puiden ver que "o estado de conservación do monumento era moi bo, aínda que o ataque biolóxico era activo e envolvía practicamente toda a superficie provocando perda da percepción dos volumes escultóricos", segundo di Uxía Aguiar na Memoria Final da súa intervención, onde tamén describe as patoloxías: "Codia biolóxica, costra negra biolóxica, pátina algal, plantas superiores, codia negra química, fisuración, perda material" e describe o proceso de limpeza e consolidación con auga pulverizada, vapor de auga, papetas de fibra de celulosa e tratamentos herbicida e biocida antes do selado das fisuras.

Todos os días dese verán subía ás estadas e musitaba a Uxía e a Francisco ao oído: principio de mínima intervención.

A ROSEIRA. O primeiro que pensaba cando debuxaba o monumento era que a roseira, aínda que quedaba bonita no debuxo, había que eliminala. Pero ao día seguinte a este pensamento herbicida, pensei que tiña que proceder de xeito un pouco científico e decidín investigar. Falei co padre Castro, reitor do convento franciscano, quen me dixo que a roseira de dous pés, un a cada lado, fora plantada a finais dos anos cincuenta por un padre franciscano como medida de conservación do monumento fronte ao botellón dos estudantes de Medicina. O botellón implicaba escalar ao monumento.

Entón lembrei tamén a Marguerite Yourcenar, quen dicía que nos monumentos públicos o tempo intervén. A escultura acabada pola man do artista dura un instante. O que agora coñecemos da escultura grega é resultado das transformacións que o tempo lle infrinxiu. "O tempo gran escultor", era a súa frase... E a roseira no monumento a San Francisco, á aquela altura na que me atopaba, xa formaba parte do monumento.

 

(*) El autor es coordinador de Proxectos e Obras

Consorcio de Santiago