El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Retorna 'A Casa do medo'

Eulalia Agrelo. Liter 21-USC/ELOS
Eulalia Agrelo. Liter 21-USC/ELOS

31.12.2016 
A- A+

Con motivo da publicación de A neve interminable (2015), Agustín Fernández Paz comentaba que esta era a súa derradeira narración asentada nas claves do medo e do terror. De aí o noso aglaio ao aparecer A casa do medo, na que conflúen tamén compoñentes discursivas de Cartas de inverno (1995), Tres pasos polo misterio (2004) e As fronteiras do medo (2012). Un abano de textos nos que o vilalbés soubo ensamblar con acerto os xeitos de contar de autores clásicos do xénero con aqueloutros de raizame popular para articular un mundo ficcional a base de referentes netamente galegos. O regreso dun afamado pintor á vila dos seus primeiros anos espértalle unha traumática experiencia que lograra soterrar coa axuda psiquiátrica e que, por medio do recurso ao flash-back, reconstrúe nun deses cadernos de follas amarelas empregados por Fernández Paz, co propósito de saldar as contas co pasado. A cerna de A casa do medo está nunha edificación toldada por arrepiantes azueiras que se tornan reais ante os ollos dun neno de doce anos. No seu interior agárdano forzas escuras, inscricións enigmáticas, fantasmas neboentos, portas misteriosas, serpes malignas...

Elementos todos eles recorrentes na escrita agustiniana, aínda que agora non se limitan a seren o detonante da acción ou a orixe do fin do seu protagonista. En A casa do medo Agustín deu un paso máis cara a adiante ao non apoiarse só na suxestión e artellar un inframundo con forma de lúa crecente, que el mesmo bosquexou nunha das páxinas de peche. Nesa Illa da Lúa a fronteira que divide o ben do mal represéntaa o Río Negro, que o aguerrido rapaz ha de atravesar para cruzar o Bosque Sombrío e alcanzar a chave salvadora.

Como sucedía en Zeralda e o dragón (1992) e A néboa escura (1998), esta última incursión de Fernández Paz segue os esquemas dos contos marabillosos, nos que non faltan as arriscadas probas, os obxectos máxicos, os terribles opoñentes... nin tampouco o amor. Cun remate de achados sorprendentes conclúe esta historia tinguida por unha paleta de azuis que, tal e como me recoñeceu nun encontro, inconscientemente colorea outras das súas narrativas.

A casa do medo é unha lectura que nos permite aos que seguimos o rastro creativo de Agustín lembrar outros dos seus títulos, así como unha proposta recomendable para aqueles que desexen entrar no universo deste mestre, cuxa creación literaria está destinada a ser imperecedoira.

eagrelo@yahoo.es

 

Literatura Infantil e Xuvenil

ELOS DE LECTURA

morte, guerra, naufraxios

e desastres