El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

¿Quen se atreve a dar a quenda a Héctor Cajaraville?

Héctor Cajaraville - FOTO: ecg
Héctor Cajaraville - FOTO: ecg

CARMEN FREIRA. USC  | 04.12.2016 
A- A+

A meiga é un personaxe arquetípico dos contos marabillosos da transmisión oral que se conserva na literatura escrita. Debido á visión negativa desta figura, nas tramas narrativas prevalece o feito de atemorizar a nenos e non tan nenos. De considerarse unha feiticeira ou maga con poderes extraordinarios relacionada coa natureza, pasou á visión cristiá negativa da bruxa, que perviviu até a actualidade, caracterizada como muller vella, fea e solitaria con poderes variados para facer mal. Non en tanto, Héctor Cajaraville (Santiago de Compostela, 1974), quen debuta na Literatura Infantil, recupera dunha maneira moi divertida este personaxe en Quen da a quenda? (Xerais, 2016), obra finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil 2015, ofrecendo unha visión positiva e humorística, aínda que, como as bruxas malvadas dos contos, habite nunha casa solitaria nunha mesta fraga, onde hai máis dun século ten o seu consultorio.

A meiga deste relato non se caracteriza por facer o mal. Todo o contrario: ao seu consultorio acoden unha serie de personaxes humanos e animados, como animais, árbores, plantas e obxectos, que precisan axuda e para os que ela sempre ten unha solución beneficiosa, coa axuda de apócemas e beberaxes, dun moucho sabio e dunha cortina lingoreteira. A cambio, a meiga Divina Sandamil Penas, como compensación do seu traballo, pídelles realizar unha boa acción que repercuta para o ben común e a convivencia pacífica.  Así pois, pola consulta pasan un xeneral que fala en verso, unha laranxeira pintada do revés, un porco que come pouco, unha nube que non se parece a nada, un ordenador desordenado, un dicionario ao que se lle escapan as palabras, unha mesa con moita memoria, un cero inconformista, un neno soñador, unha formiga lacazana, unha baralla enfadada, un barco que se marea, unha fervenza que quere vivir onda o mar, unha bolboreta coas ás despintadas, dous xemelgos diferentes, unha pantasma que non mete medo e un sapo que pon nome á ponte. Algúns deles característicos da fauna e paisaxe galega, como a fervenza do Ézaro; outros que intertextualizan con obras clásicas da LIX galega, como a laranxeira que lembra a obra teatral de Carlos Casares.

Hai que salientar as ilustracións nas que Ignacio Hernández (A Coruña, 1988) retrata con humor os espazos onde se desenvolve a acción e a peculiar galería de personaxes. Unha visión renovada con moita imaxinación dun personaxe milenario. verinesa@yahoo.es