El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

A POLÉMICA HISTORiA REAL DE DOUS PiNGÚÍNS HOMOSEXUAIS

ROCÍO GARCÍA. ELOS/CRPIH  | 23.10.2016 
A- A+

Aeditorial Kalandraka vén de publicar en galego o álbum infantil Con Tango son tres, escrito polo psiquiatra Justin Richardson (New York, 1963) e o guionista, escritor e produtor Peter Parnell (New York, 1953), xunto ao ilustrador autodidacta Henry Cole (Virginia, 1955). Desde a súa publicación orixinal no 2005, este fermoso conto baseado na historia real de dous pingüíns do zoo de Central Park foi premiado en repetidas ocasións, mais tamén recibiu reiterados ataques por parte de pais, nais, educadores e bibliotecarios, chegando incluso a ser prohibido e retirado dalgunhas bibliotecas e escolas norteamericanas. Ao longo das páxinas que compoñen o álbum coñecemos a historia de Roi e Silo, dous pingüíns machos que na época de apareamento actuaban do mesmo xeito que o facían as parellas formadas por macho e femia, chegando incluso a facer un niño onde chocaban unha pedra como se fora un ovo de verdade. Ao ver isto, Rob Gramzay, o coidador do zoo, decide darlles un dos ovos que unha femia non podía sacar adiante, coa esperanza de que con Roi e Silo tivera unha oportunidade. E así é. Daquel ovo nace a pequena Tango, a primeira pingüín con pais homosexuais. Trátase dunha historia que zumega tenrura, que pon énfase nas máis importantes características esixibles a unha familia: o amor e a felicidade. Eloxia a diversidade como un aspecto enriquecedor da propia sociedade e, en sintonía coa realidade actual, normaliza e enaltece a adopción. Aínda así, este álbum encabezou desde a súa publicación o ranking dos libros máis censurados da American Library Society (ALA), acusado de “promover a homosexualidade” e “atentar contra a familia”. A súa recepción dá conta da nova censura do século XXI, a dos estantes cerrados, menos abrasiva que a súa predecesora pero con semellantes consecuencias: a inaccesibilidade do lectorado máis novo a ditas obras. Por outra parte, tamén mostra o longo camiño que queda por percorrer na normalización da diversidade, co obxectivo de crear unha sociedade na cal a diferenza non sexa a escusa para os numerosos crimes de odio que cada ano teñen lugar. Unha obra que, cunha linguaxe sinxela que casa á perfección coa dozura das ilustracións, nas que predominan as cores frías e pasteis, se fará un oco nos estantes de cada fogar se se lle dá oportunidade. rociopedreira@outlook.es