El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Outras olladas sobre a poesía para a infancia

Poemas birollos para ler cos ollos ou a poesía visual

TEXTO ISABEL MOCIÑO. UVIGO/ELOS   | 23.10.2016 
A- A+

Son xa moitos anos os que Fran Alonso leva apostando pola innovación nas formas de achegarse á poesía e proxectala cara aos máis novos. Fíxoo como creador en Cidades (1997), un referente da poesía infantil que se segue reeditando e no que o espazo urbano xorde como ente vivo, sobre o que se proxecta unha ollada intimista, tenra e á vez crítica e rebelde.

Esta pulsión mantívoa como antólogo en Poetízate (2005), selección de amplo alento na que reta a mocidade a descubrir un mundo de posibilidades, de formas e contidos que conectan directamente cos seus intereses e inquietudes, porque a "poesía non morde".

Despois, de novo como creador, achegou con O meu gato é un poeta (2011) o ludismo e a diversión á infancia a través de formas poéticas moi visuais, nas que música e poesía conectan co plano sensorial.

Este diálogo interartístico e de exploración poética está presente na súa última achega, Poemas birollos para ler cos ollos (2016). Un volume composto por medio cento de composicións nas que é o "creador total", ao ser o responsable dos textos, deseño, imaxes... que dialogan coa obra anterior en aspectos como o gato que protagoniza o poemario de 2011 e que agora aparece agochado en diferentes recunchos destes Poemas birollos.

Cada páxina desta obra incluída na colección "Sopa de libros", de Xerais, convértese nun convite á diversión, ao ludismo, aos xogos visuais e lingüísticos. É un reto visual e artístico que propicia o diálogo coa tradición, pero tamén coas novas tecnoloxías. Son composicións que desafían o concepto de poesía e abren un amplo horizonte de posibilidades e interpretacións.

Aos caligramas, ás imaxes visuais, aos diálogos absurdos, á reescrita de rimas populares e de xogos de palabras únese o emprego de símbolos e tipografías actuais e coloristas, así como o recurso en rede dun videoxogo, asociado ao poema "O mar é un videoxogo". Ao acceder a el, o lector vese asaltado pola voz do poeta, a música de Xurxo Souto e o deseño de Alma Alonso Costas que reclaman a acción do lector-usuario para que pesque nun océano a palabra que é precisa para completar cada verso que aparece no fondo da pantalla. Unha vez máis, Fran Alonso sorprende explorando as potencialidades da palabra, da voz, da música, das novas tecnoloxías e das imaxes, que xuntas configuran un libro-obxecto que propón unha nova forma de ler, máis visual, interactiva e creativa. De seguro que ninguén ficará indiferente!

imocino@hotmail.com