El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

EL CORREO2

Onde o paraíso se chama Corrubedo

A protección da maior duna móbil do noroeste peninsular foi posíbel grazas á loita ambiental que, na década de 1980, emprenderon os veciños e veciñas da parroquia

Unha gaivota patiamarela (Larus michahelis) alimentándose no areal do Vilar, no Parque Natural de Corrubedo.  - FOTO: Manoel Santos
Unha gaivota patiamarela (Larus michahelis) alimentándose no areal do Vilar, no Parque Natural de Corrubedo. - FOTO: Manoel Santos

MANOEL SANTOS  | 04.06.2017 
A- A+

O infindo semicírculo areoso que antecede ao cabo Corrubedo, o do faro do ollar largasío, é a principal razón pola que o seu Parque Natural é o máis visitado de Galicia e un dos grandes orgullos da rede de espazos protexidos do país. O seu emblema, unha duna de máis dun quilómetro de longo e quince metros de alto, que coma un muro dourado vai recuando, imperceptibelmente, á violenta embestida invernal dos ventos do Sur, coroa un diverso e excepcional ecosistema. No entanto, a pequena superficie do parque, sumada á gran presión humana que soporta, fai de Corrubedo un espazo moi fráxil, cunha xestión ambiental extremadamente delicada. Moitos dos hábitats deste humidal de importancia internacional son de interese comunitario segundo a Directiva Hábitats que creou a Rede Natura 2000, e outros foron catalogados como prioritarios, isto é, están en perigo de extinción no territorio da Unión Europea. A presenza destes hábitats sobarda con moito os lindes do actual parque, de aí que as súas menos de mil hectáreas non sexan máis ca unha décima parte doutro espazo maior, a Zona de Especial Conservación da Rede Natura 2000 denominada, no seu conxunto, Complexo Húmido de Corrubedo, que vai dende a illa de Sálvora até o castro de Baroña, acubillando tamén outros espazos naturais moi salientábeis, como as lagoas de Xuño e San Pedro de Muro. Poida que no futuro da rede Natura 2000 en Galicia estea tamén o futuro do Parque Natural de Corrubedo.

Naqueles primeiros anos da década de 1980 xurdiu un enfrontamento importante entre a Comunidade de Montes de Olveira, unha das parroquias do parque, que acababa de obter a adxudicación dos terreos a carón da gran duna por parte do Xurado Provincial de Montes, e os veciños da de Corrubedo. A Comunidade, co permiso do Concello, comezou a extracción de grandes cantidades de áridos tanto na zona de trasduna coma despois nas abas dos achegados montes Facho e Tahúme. Fixéronse moitos millóns de pesetas coas areas destinadas á construción, mais o ecosistema dunar ficou coma un campo de minas.

Foi entón a Asociación de Veciños As Dunas de Corrubedo, que levou durante anos Francisco Otero, quen liderou unha cruzada ambiental para salvar os montes da area, que é como sempre se chamaron en Corrubedo. Paralizaron camións, recolleron milleiros de sinaturas, mobilizaron universidades, parlamentarios, xornalistas, intelectuais e mesmo organizaron unha impactante mobilización en marzo de 1986, na que os nenos e nenas da vila sentaron na gran duna formando un enorme SOS.

Aquela manifestación, que secundaran até 150 profesores da Universidade de Santiago, grupos ecoloxistas como Adega, a Sociedade Galega de Historia Natural e outros tantos xa desaparecidos, científicos do CSIC, biólogos do Coto de Doñana, ribeirenses de berce ou adopción como Ricardo Pérez Queiuga ou Carlos García Bayón e persoeiros galegos moi relevantes como Uxío Novoneyra, Vítor Freixanes, Antón Reixa, Tareixa Navaza, César Portela ou Manuel Rivas, foi o punto de inflexión para que rematara o espolio e, sen dúbida, para espertar un chisco de interese por parte da Xunta de Fernández Albor na pro­tección ambiental. Sete anos máis tarde nacía o Parque Natural do complexo dunar de Corrubedo e lagoas do Carregal e Vixán. Xusto é lembralo, e mais nunha terra, a galega, na que gran parte das maiores mobilizacións históricas populares sempre tiveron causas ambientais.

A protección das dunas de Corrubedo está, sen caer en esaxeracións, na nómina dos grandes éxitos ambientais e conservacionistas da terra nosa. Nestes 25 anos os ecosistemas que abrazan a abra atlántica do outrora chamado Cabo Verde foron superando outras crises, como a do Prestige en 2002 ou a do plan acuícola en 2007, sempre coa rebelión popular como acubillo, e saíron sen dúbida ningunha gañando. Temos que parabenizarnos por elo.

Moitos dos hábitats de interese comunitario da zona foron restaurados, fixéronse exitosos plans dende a Xunta no referente a algunhas especies, como a píllara das dunas, o pernileiro ou a reintrodución do sapococho, concentráronse as visitas –máis de 300.000 ao ano– nas zonas e estacións menos desfavorábeis e, ao cabo, acadouse o recoñecemento autóctono e internacional dunha das nosas máis senlleiras xoias naturais. Amais disto, unha reclamación histórica do ecoloxismo neste e noutros parques, a redacción por fin dun Plan de Uso e Xestión (PRUX), foi licitado hai pouco, o que é unha boa nova á espera de ver os resultados.

Solución de futuro: Natura 2000. Porén, a conservación do noso patrimonio natural non ten punto e final, como non o ten a dinámica dos ecosistemas e Corrubedo non é unha excepción, pois existen non poucas materias pendentes a abordar pola administración do parque. Algunhas son ben coñecidas, como a incomprensíbel persistencia das infraestruturas dunha canteira dentro dos lindes, a ameaza de expansión dos piñeirais cara ás zonas dunares ou, especialmente, a enorme presión humana que soporta en tan pouca superficie.

Os lindes protexidos pola declaración de 1992 non chegan ao milleiro de hectáreas, determinando un espazo moi fráxil e sensíbel, cunha presión humana moi copiosa que xera non poucos problemas, malia que as visitas se dirixan máis ca nada ao grande areal, de máis de cinco quilómetros de longo, e nos meses menos sensíbeis para un dos grandes valores do parque, a avifauna invernante. Porén, cando a presión humana supera o recomendábel, cómpre redirixila e espallala cara a outras zonas e actividades de interese, e iso nun parque tan miúdo é difícil de facer.

O propio borrador do Anteproxecto de Lei do Patrimonio Natural de Galicia, que substituirá a Lei 9/2001 de Conservación da Natureza, contén un polémico e censurábel apartado no seu artigo 24 no que para a declaración dun parque natural, salvo en casos debidamente xustificados, este terá “como mínimo, 10.000 hectáreas en parques naturais terrestres ou marítimo-terrestres peninsulares”. Se ben os ecosistemas pouco entenden de dimensións, polo que o artigo é dificilmente explicábel e esperemos que se modifique, si vén recoñecer, no fondo, que a meirande parte dos nosos parques, en concreto cinco dos seis e o de Corrubedo entre eles, son demasiado pequenos e deberían contar, cando menos, con zonas máis amplas na súa contorna, malia que tivesen graos de protección máis laxos. Unha solución máis que efectiva podería ser, cando menos no caso que nos ocupa, tomar como figura de referencia para a súa xestión conxunta a Zona de Especial Conservación da rede Natura 2000 que inclúe o parque natural, que co nome de Complexo Húmido de Corrubedo, abrangue máis de 9.000 hectáreas dende Sálvora –tamén parte do noso único parque nacional– até Baroña.

A rede Natura 2000 é, se cadra, o proxecto de conservación da natureza máis ambicioso a nivel mundial. No entanto, logo de anos determinando os espazos a “protexer” –lembremos que Galicia é a que menos superficie ten do Estado, algo tamén a corrixir– pouco se ten avanzado en que estes sexan algo máis que vizosas terras cunha especie de título nobiliario verde e que, asemade, a protección ambiental redunde tamén no beneficio social, sempre en termos de sustentabilidade. A súa “xestión única” por medio do Plan Director da Rede Natura, non parece ser o mellor dos xeitos de abordar tantos e tan diversos espazos naturais.

Outro dos retos da xestión xa non só de Corrubedo, senón de tódolos espazos protexidos galegos, é superar o seu afastamento da poboación, especialmente a local, tanto en termos de xestión compartida como de transparencia nas axudas e contratacións, de complicidade conxunta na conservación, etc. Se nos poñemos a contar, por exemplo, o número de proxectos produtivos sustentábeis (ecoturismo, agroecoloxía, enerxía, ecoempregos…) que se crearon ao redor do parque dende 1992 chéganos cos dedos dunha man, e sóbranos algúns. E non será porque non houbo millóns e millóns para iso, como con aquel Proder que só foi quen de investir os cartos destinados aos apartados non produtivos.

Se ben o obxectivo primordial dun espazo natural protexido é a súa conservación, non está de máis lembrar aquelas palabras de Gilbert: “Para xestionar a biodiversidade e os ecosistemas, é tan necesario comprender o mecanismo dos procesos sociais como o dos ecolóxicos”. Pouco futuro terán os nosos espazos protexidos se seguen a ser xestionados tan de costas á xente –até as antano xuntas reitoras, participadas por algúns axentes sociais, pasaron a ser só consultivas e, de feito, pouco máis son que informativas– e a ser vistos exclusivamente como áreas de prohibición por parte das poboación locais.

Máis aló do comentado, o cuarto de século que cumpre o parque natural de Corrubedo hai sobre todo que celebralo, para aprender do percorrido feito, dos éxitos obtidos e dos problemas superados. E tamén para pensar o seu futuro e o de todo o conservacionismo galego. Ao cabo, para seguir aprendendo e loitando polo patrimonio común, que é o que nos fai camiñar.