El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

ARTE

A obra de Daniel Abollo: experiencias para o gozo

HÉITOR PICALLO   | 12.06.2016 
A- A+

Porque a sorte foi ir ao seu estudo e ver alí gran parte da obra, tanto a realizada en pedra e outros materiais, coma os cadros -xeralmente de gran formato. E digo isto porque a un artista tamén se lle (re)coñece no seu propio hábitat, en unión con todos eses elementos cos que reside de xeito simbiótico, nunha relación perfecta de entregas. O autor elabora cos seus materiais unha peza para a arte, unha peza de arte; e aquel recolle desta a satisfacción do proceso creativo e a case inmediata frustración, que o obriga a volver a confeccionar elementos para o gozo (mutuo e dos demais). E aínda que Daniel Abollo se manifesta mozo, si se ve na súa obra unha evolución que o fixo discorrer cara a varios estilos, co obxecto de experimentar sensacións plásticas e estéticas que xeran agrado e gratitude,... Pero non todo froito do oficio, senón tamén do gusto, da insistencia e do proceso paciente que o leva a conseguir grandes logros. Velaí que non saia sempre con espontaneidade o que un busca: é a veces a obra a que procura ao artista, ese toco ou cañoto que ten que agardar o seu tempo para que a mirada -e o sorriso satisfeito- dun Daniel definan a idea que logo se vai a esculpir.

Abollo Cuéllar vive dende non hai moito no lugar da Casiña (no municipio pontevedrés de Cuntis), e a súa formación académica transitou polas aulas da Escola de Canteiros de Pontevedra e da Facultade de Belas Artes da mesma cidade. As súas mostras -individuais e colectivas- comezan en 1995 ao longo de todo o territorio galego, quizais cunha repercusión que debera ter un eco de maior intensidade. Pois contemplar moitos dos cadros de Daniel, elaborados en óleo ou acrílico sobre madeira, fainos ver unha realidade galega case surrealista, cun chisco -non excesivo- de humor -o necesario- e unha leve tendencia cara as composicións de tipo naïf. Aínda que a esta afirmación habería que lle extraer a carga de inxenuidade que decote se lle asigna. Porque, alén de que exista un xogo azaroso na obra pictórica de Abollo (crear ao fin e ao cabo é enredar), ben certo resulta que se trata de pezas caviladas, onde a liña que contorna as figuras (que non se pinta senón que fica libre, amosando as febras da madeira) ten tanta relevancia coma as cores e o xogo de luces e sombras estendidos por toda superficie. As figuras -de persoas ou animais- que se trazan nos "lenzos" vense -as máis delas- en actitude de pousar para o artista, tal fosen retratadas por un fotógrafo "minuteiro". E esas pinturas de recordos familiares quizais insinúan aquela intención de seren enviadas aos familiares que -alén mar- foron facer as américas. Porén, desta volta xa non son obras en branco e negro, pois as cores vivas (con azuis, torrados e vermellos) enchen de cromatismo o espazo sombrío daquela cultura galega de non hai tantos anos. Digamos que, aínda provistas dunha carga emotiva ou case nostálxica (que procede dese tipo de retrato), Daniel anosa e moderniza as iconas doutro tempo, das familias de antano, das nosas raizames veciñais,...

Outro concepto diferente teñen as series escultóricas. Algunhas -verdadeiramente fermosas- combinan o granito queimado coa madeira; outras logran, coa intersección de figuras planas de pedra, xogos volumétricos moi interesantes,... E hainas -asemade- que conseguen dun toco dunha árbore unha figura antropomórfica cargada de forza, pero sen lle restar incluso a tenrura. Todas teñen a súa importancia, mais a serie na que combina volumes poliédricos -de madeira pintada en branco- con superficies encaixadas para formaren outros volumes nos peches superiores, é realmente fantástica. Nesas superficies irregulares, tendentes a confeccionaren pirámides, aparecen pintados varios museos adoito coñecidos, plasmados en vista aérea, e insinuando relevos e movementos. Realmente a obra de Daniel Abollo hai que vela na súa xenerosidade de motivos, e contemplala nun conxunto e ordenada en series, tal e como até o día 18 de xuño se pode ver nunha fermosa mostra instalada na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres de Cuntis. Auguramos un futuro prometedor para ao artista que, malia o seu temperamento sosegado, está cheo de inquedanzas estéticas que o levan a investigar nas fendas do granito e na veta da madeira. Esforzo, xenialidade, paciencia e bo gusto son as características deste autor nado á beira do Lérez.