El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Non fui, fui, non sum, non curo

XOSÉ ANTONIO GRELA  | 28.01.2018 
A- A+

Estas palabras ou ben as súas variantes: memini /non desidero, son un canto ao ateísmo ou máis ben ao epicureísmo greco-romano, que entendía a existencia vital como unha procura da felicidade, camiño da ataraxia. Probablemente, de entre todas as invencións do home, a de maior influencia na historia sexa a escritura. Primeiro, porque marca un antes e un despois. O que está antes da escritura pode ser estudado unicamente baixo unha disciplina: a arqueoloxía, mentres que, cando o home foi quen de crear un sistema substitutivo da lingua oral, con capacidade para ser descodificado, estaba deixando a súa pegada na eternidade. Hai máis de 6000 anos, antes da chegada do papiro e do pergamiño, os soportes primixenios foron a arxila, a cera, a madeira, a pedra, os metais... algúns con máis lonxevidade que outros, a medida que a tecnoloxía melloraba co paso das xeracións.

A epigrafía, como disciplina da historia, ten como encargo interpretar e estudar as inscricións feitas sobre todo este tipo de materiais. Existe unha taxonomía específica: inscricións honoríficas, xurídico-legais, relixiosas, público-monumentais, funerario-sepulcrais, doméstico-privadas... e tamén un corpus específico ao ámbito latino (que nos ocupa neste particular), Carmina Latina Epigraphica (CLE) e o Corpus Inscriptorum Latinarum (CIL), con fondos xa dixitalizados e de acceso libre en internet das antigas inscricións latinas procedentes de todas as provincias do Imperio romano e con máis de 180.000 entradas.

O centro CIL II está instalado na Universidade de Alcalá de Henares desde 1997, grazas a un convenio co Instituto Arqueolóxico Alemán, funcionando como sede de redacción dos novos volumes. O Arquivo Epigráfico de Hispania está na Universidade Complutense, con libre acceso para investigadores e lectores interesados. O volume II, por exemplo, foi adicado ás "Inscriptiones Hispaniae", o XVII aos "miliarios" e o XVIII aos "Carmina Latina Epigraphica". A inscrición que dá título a este artigo pertence ao ámbito sepulcral ou funerario, o que comunmente coñecemos por epitafio. Dentro deste subxénero epigráfico podemos distinguir inscricións pro "lamentatio", "consolatio" ou "laudatio", ben que alguén lle escribe ao defunto ou que son postas en boca del, resultando ás veces imposible confirmar a veracidade dunhas últimas vontades.

Hai fórmulas xerais de lamentación, dun destino ineludible, da morte como unha lei inexorable, do "nascentes morimur", da vida como préstamo, da fama do defunto, do amor e da memoria por riba do poder da morte, do descanso merecido e agardado, da vida como un camiño, da inmortalidade da alma, da súa vida intachable, das súas virtudes (paupertas, humilitatem), do seu aprecio en vida, dos méritos do finado fronte a humildade da tumba, e un apartado sobre a morte repentina ou a "laudatio pueri" no caso dos infantes.

Cando eran ben acollidas, algunhas destas inscricións repetíanse nun efecto dominó, coma un copia e pega. No caso da que dá título a este artigo, foi tan común, que aparecía abreviada coas súas siglas: "NFFNSNC". Vexamos a súa interpretación:

"Non fun, fun, non son, que me importa" con moitos matices na súa tradución: "Non existín, existín... tanto me dá / éme indiferente / non me importa / dáme o mesmo..." Hai dous tempos marcados pola inexistencia, o que está antes do nacemento e o que está despois da morte. Ámbolos dous figuran equiparados e entremedias, a vida, o verdadeiramente importante para os que se despiden dela con este epitafio.

A sentenza final, a indiferenza coa que se mira a inexistencia, supón un convencido desafío aos deuses, un canto ao hedonismo vital escrito en mármore ou cantaría, sen necesidade de auxilios nin esperanzas relixiosas. Andando os séculos, entre 1425-1428, e noutro soporte artístico, Masaccio pintará un fresco en Santa María Novella de Florencia, nunha das súas paredes laterais. A mesma Santa María Novella onde Giovanni Bocaccio, case un século antes, situaría aos seus dez personaxes (sete mozas e tres mozos) fuxindo da epidemia de peste de 1348, como argumento do seu Decamerón.

O fresco, coñecido como A Trinidade, presenta por primeira vez na historia da pintura unha composición sometida as leis da perspectiva xeométrica. O visitante cre estar ante unha capela que ocupa o seu oco e espazo real.

Debaixo dela, tamén pintado, formando parte do conxunto, un esqueleto humano (segundo algúns en representación de Adán, para outros aludindo a calquera home mortal) descansa sobre a súa tumba, cun epitafio non menos interesante, escrito en italiano e non en latín, en claro espírito docente e admonitorio para os fieis segrares: "Io fu già quel che voi sete: e quel chi son voi ancor sarete": "Eu xa fun o que ti es e ti serás o que eu son", tamén con moitos matices na súa tradución: "xa fun antes o que vós sodes, e o que son agora serédelo vós mañá". A mesma idea xa viña da epigrafía antiga: "Viator, viator!, quod tu es, ego fui; quod nunc suum, et tu eris" coa súa fórmula abreviada: "Eram quod es, eris quod sum".

Cada un de nós ten a liberdade de enfrontarse ao alén como queira e lle pete, porén permítame, prezado lector, convidalo a que deixe testemuña escrita para que a súa postura, sexa cal sexa, pase a posteridade como o seu legado epigráfico. Un servidor, agardando a que o epitafio se demore o máximo tempo epicúreo posible, xa ten tomada e razoada postura. A verdade, confeso, non moi orixinal: "Non fui, fui, sum, sic curo". Ora ben, a min, si que me importa a inexistencia, por iso, négome a non existir.

(*) Profesor de Ensino secundario