El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

"No exterior, a música galega é como un motor"

O cuarteto galego/belga Ialma presenta 'Camiño: de Bruxelas a Santiago' o seu quinto álbum, no que "contan e cantan" coas súas propias letras a súa homenaxe á emigración

TEXTO FERNANDO FRANJO DESEÑO CARMEN BOTANA   | 05.03.2017 
A- A+

Dous países, Bélxica e Galicia; dúas cidades, Bruselas e Compostela, e un soio camiño, "aquel que nunca se para" (tout ensemble), como din as integrantes do grupo vocal Ialma: Verónica, Magali, Natalia e Marisol, que retornan a Galicia coa súa xira para presentar o seu novo traballo Camiño, de Bruxelas a Santiago, unha narración da súa historia e unha homenaxe musical ós galegos e galegas na emigración. "Para nós, no exterior, a música é o motor principal".

Galegas en Bélxica, belgas en Galicia. Xa son vinte anos de traxectoria. Como xurde a idea de xuntarse para formar un grupo vocal e de música tradicional?

Verónica: Empezamos no centro galego de Bruxelas. Alí aprendimos a tocar, bailar e a cantar. O grupo de baile necesitaba cantareiras que o acompañaran. Daquela, a principios dos 90, eramos seis, e nunha das nosas actuacións, a EMI nos veu e nos ofreceu facer un disco. Tiñamos moi pouquiño repertorio, non imaxinabamos isa oferta, e despois de moito traballo, fixemos o primeiro disco.

Á hora de analizar os vosos álbumes: Nova era, Simbiose, Camiño, semella que hai como unha especie de roteiro unha mistura... É Camiño o traballo que ten o acento máis galego? Quizáis os outros teñan máis fusión, máis estilos: rap, música medieval ou ska, por exemplo?

Marisol: Se falamos do interior, da identidade, seguramente que si é o máis galego. Cremos que é un procedimento ó que tiñamos que chegar. Todos os traballos teñen o seu valor e son moi distintos. Sempre cando presentabamos as cancións falabamos dos nosos país, pero en Camiño (omerecords.be) tratamos de poder cantar tamén estas historias, transmitilas por medio do canto. E deixalo gravado, que a xente poida escoitar e levalo con ela. Ademais é a primeira vez que facemos os textos. Contámoslle a Brais Fernández o que realmente queriamos dicir e el foi o que transcribiu esa historia. Foi un traballo fermoso. Nesta xira tivemos oportunidade de disfrutar dun directo especial, diferente...

Marisol: Nós sempre tentamos, alá por onde imos, convidar a algún artista, desde instrumentistas de txalaparta a un cantaor de flamenco, e así o fixemos tamén no álbum. Para nós é moi importante esa fusión coa figura de Quentin Dujardin, á guitarra e dirección musical, e Didier Laloy ó acordeón diatónico. E despois cando rematamos e baixamos do escenario encontramos moita xente que nos conta as súas vivenzas. Moitas anécdotas que temos veñen de esas historias. Para nós é importante porque logo as transmitimos. (Verónica): Marisol fai un diálogo entre a aboa e a súa neta. Por que marchaches, onde quedou o abó... quen te ensinou falar francés? O público queda afectado pola historia e identifícase. Entendemos tamén o álbum como unha ferramenta pedagóxica para os nenos. É moi emocionante.

De todos os xeitos, parece chamativo que falemos de Galicia, de folclore, de Rosalía e que todo esté feito en Bruxelas con músicos belgas...

Marisol: Para nós é natural o cambio de lingua. Os nosos nenos reivindican: eu son galego porque é a súa maneira de dicir que teñen esa identidade. Pero despois nos damos conta de cando falamos con músicos, nos din que somos distintas, porque ó nacer alá, Ialma ten unha identidade propia.

Verónica: Dámonos conta que si, que somos das dúas culturas que tentamos coller o mellor de cada unha delas. Unha capital multicultural como Bruxelas está moito máis presente. Ó estar entre Francia, Alemania, Holanda ou Italia leva a que moitísimos artistas viñeron vivir alí. Hai grupos que llegan de otras culturas: árabes, tuaregs... Sempre é interesante poder coñecer, comparar, escoitar ou aprender. E moi enriquecedor.

Ese sentimento da emigración que o ten tan vivo a vosa xeración, Como o sente a nova fornada de mozos que tamen optaron por deixar a súa terra?

Marisol: Dos que chegan agora, pensa que tamén moitos teñen que saír para traballar. Ó mellor non tiveron o sofrimento que tiveron os nosos pais ou os avós. É diferente, eles coñecen o idioma, están máis formados.

Xa, pero supoño que tamén sentirán, aínda que sexa de xeito diferente, as súas raíces, o seu folclore?

Ó mellor teñen menos nostalxia. Pero tamén o teñen moi duro. Chegan coas súas carreiras rematadas e están traballando no que poden. A veces penso que si a miña avoa erguera a cabeza ... Nós seguimos a transmitir o que eles nos dixeron, o que eles loitaron, pero non sei si ela diría Hai verdadeiramente un cambio en Galicia como houberamos querido? Sempre tentamos dicir que collan forzas e que sigan o camiño, que é precisamente a diversidade.

Como vedes o panorama que hai en Galicia de novos valores?

O teñen máis difícil que nos. Hai que querer moito á nosa música para poder traballar nela. Alá, tres de nós traballamos e soio Verónica se dedica á musica. Pero ten un estatuto de artista, que lle permite poder traballar. Ela ten un paro como se fora outro oficio, eso aquí non existe. Pero para esta xira o Ministerio de Cultura francesa en Bélxica nos apoia economicamente, porque para eles transmitir ó exterior o que é Bruxelas e Bélxica é moi importante. Nós intentamos no exterior dar a coñecer todos os grupos que están en Galicia. Non pretendemos nin imitar ós que están aquí, nin quitarlles o traballo. O que queremos e darlle máis forza: hai xeitos de saír do país e Galicia, que é moi alta musicalmente, ten que estar presente en todos os grandes festivais. Si a gaita fora xaponesa, habería gaiteiros polo mundo enteiro. A pandeireta é a nosa ialma, a nosa identidade. O xeito de estar presentes.

ffranjo@elcorreogallego.es