El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Música e danza galega na españa en branco e negro

Estampa típica, habitualmente recollida nas imaxes do Nodo, cun grupo ataviado co traxe tradicional e nunha paisaxe galega de fondo
Estampa típica, habitualmente recollida nas imaxes do Nodo, cun grupo ataviado co traxe tradicional e nunha paisaxe galega de fondo

FERNANDO FRANJO  | 05.02.2017 
A- A+

Baixo o título de A Galicia proxectada pola NO-DO. A arquitectura do estereotipo cultural do uso do folclore musical (1943-1981), a tese de doutoramento da etnomusicóloga galega Beatriz Busto Miramontes (Compostela, 1979) percorre o abundante material localizado nas imaxes do Noticiario e Documental (Nodo), entre os anos 1943 e 1981.

No estudo, a musicóloga galega, dirixida polo antropólogo Juan Carlos Gimeno Martin, refírese explícitamente ao noso folclore e os seus diferentes usos, que foron interpretados en imaxes do nodo durante case catro décadas.

A hipótese principal céntrase na demostración de como o nodo traballou como ferramenta audiovisual franquista na que se edificou unha imaxe estereotipada de Galicia "onde a música e danza xogaron un papel central no exercizo da dominación simbólica de Galicia frente á España de Franco". Busto Miramontes sostén que o uso discursivo do estereotipo de Galicia, acuñado por ela mesma discurso galaiquista foi usado no exercicio simbólico de dominación de Galicia.

Segundo as conclusións da etnomusicóloga, profesora na Escola Municipal de Música de Santiago, o uso do chamado galaiquismo tornouse como unha ferramenta de xestión da contradición xurdida entre o medo e desprezo ó proxecto nacional caracterizado como "ultra católico anticomunista, imperial e patriarcal".

Aínda que é a súa é a primeira obra de investigación na que se relaciona Galicia e o nodo, xa en 2008 Galicia foi a primeira comunidade autónoma que reivindicou á Filmoteca Nacional un duplicado dixital de todas cantas imaxes sobre Galicia se conservaban no arquivo. O material, almacenado no Centro Galego de Arte da Imaxe (CGAI), consta de 500 novas recollidas desde os inicios, en 1943 (primeiro Ano Santo de posguerra), ate 1981, a data de conclusión. Hai un total de 16,5 horas de proxección, con 44 edicións da revista Imágenes, cunha duración de sete horas e media, así como outros 56 documentais dedicados a temas galegos. Con todo elo o CGAI dispón de máis de cincuenta horas de gravación.

Actos institucionais e de lecer, inauguracións presididas polo xefe do Estado, así como a glorificación de Compostela a traverso do prisma da relixión e da peregrinaxe, forman a espiña dorsal da actividade dos informativos, especialmente na década dos anos cuarenta. Por elo, no lote de copias en color e branco e negro que se arquivan no CGAI, poden atoparse todas as visitas a pantanos e carreteras, as reunións da Sección Femenina, corridas de touros ou vacacións de Franco en Meirás. Todo elo ademais de paradoxas como, nunha proxección do ocaso dos noticieiros, na Coruña, un emocionadísimo Francisco Franco, cantando o Himno Galego.

Folclorismo. Beatriz Busto fai especial fincapé no feito de que o baile desenvolvido polos grupos de Coros e Danzas non pode ser entendido como tradición senón como parte dun elemento cultural, apropiándose de elementos culturais galegos. Todo elo de xeito que ademais a música pódese poñer ao servizo de outros fins, "posto que, neste caso e a través do nodo, fíxose un uso consciente do folclore popular con intencións claramente políticas, nuns usos que foron modificado segundo as necesidades do réxime foron unhas ou outras e segundo as súas fases constituíntes".

A investigadora galega está convencida do enorme valor do nodo como unha fonte documental, aínda sen estudiar de xeito detallado. As conclusións da tese con máis de dez anos de traballo, abre unha fiestra na que observar criticamente os procesos folcloristas procesos hoxe en día, procesos, moitos dos casi sobreviviron ao réxime de Franco. Eses usos, hoxe en día, estarían relacionados en especial co mundo promocional do turismo, unha industria que segue a reproducir tópicos -positivos ou negativos- do galego e o seu folclore "producindo un beneficio económico claro, pero a un custo elevado a nivel cultural "xa que desde aí o tipismo do galego segue a alimentarse hoxe de múltiples xeitos".