El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

¿Mundo globalizado ou a distopía feita realidade?

ISABEL MOCIÑO. UVIGO/ELOS  | 02.04.2017 
A- A+

Os cambios sociais, os ataques ao medio e a manipulación dos poderes na sombra coas súas implicacións na vida das persoas teñen sido temáticas moi do gusto da literatura prospectiva. Ramón Caride Ogando é un bo exemplo desta tendencia na literatura infantil e xuvenil galega, na que sen dúbida a serie protagonizada polos irmáns Said e Sheila ten feito as delicias da preadolescencia con títulos como Perigo vexetal (1995), premio Merlín en 1995, Ameaza na Antártida (1997), O futuro roubado (2000) e A negrura do mar (2004), editadas por Xerais na colección "Merlín".

Dúas décadas despois daquel primeiro título, Caride publica unha nova aventura da man destes irmáns que, ao igual cós seus lectores, medraron e son dous mozos cuxas vidas decorren por camiños diferentes.

Nesta nova aventura, O camiño da Estadea, reúnense para viaxar a Bambari, no centro de África. Porén, o que ían ser unhas vacacións convértense nun novo reto: descubrir as causas da morte do pai de Enu, amigo de Said e Irina, que se converterá nunha persoa importante para Sheila.

Ao longo dos dez capítulos da obra denúncianse as presións dos intereses económicos, o tráfico ilegal de persoas, a explotación laboral e sexual e desvélase a importancia de coñecer a historia para comprender a realidade, así como o valor da liberdade, sempre comprometido, nunha novela xuvenil cuxo elemento central é a descuberta da identidade individual e colectiva. Unha obra de máis alento cás predecesoras, de aí a súa inclusión na colección "Fóra de xogo". Nela recórrese a un elemento identitario, a estadea, que é unha visión premonitoria compartida por diferentes personaxes en lugares distantes do planeta, aínda que o destino os acabará xuntando para regresar ao berce do seu sangue.

Deste modo, Ramón Caride configura un rico mosaico de lugares, épocas e personaxes, demostrando que este mundo globalizado é froito de sinerxías e avatares que teñen as súas raíces en tempos remotos e onde o mal axexa constantemente. Unha novela que remite cara ás outras entregas da serie literaria e anima a lelas a quen non o fixo polas numerosas referencias intratextuais que a enriquecen.

Unha vez máis, Caride sitúa o lectorado ante unha obra que non deixa indiferente, unha lectura que responde a moitos porqués, que desvela claves do pasado que explican o presente e aposta por unha actitude activa a prol dunha cultura da paz, do respecto ás liberdades e en contra de todo tipo de violencia.

imocino@hotmail.com