El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Morte, guerra, naufraxios e desastres

31.12.2016 
A- A+

Da man da editorial Iudicium, acaba de saír do prelo a monografía A Grey B­ackground in Children’s Literature: Death, Shipwreck, War, and Disasters / Literatura infantil y juvenil con fondo gris: muerte, naufragios, guerras y desastres, coordinada polas investigadoras Riita Oitinnen, da Universidade de Tampere e Helsinki, en Finlandia, e Blanca-Ana Roig Rechou, da Universidade de Santiago de Compostela.

O volume, centrado nas temáticas que habitualmente foron censuradas e consideradas tabú na Literatura Infantil e Xuvenil (a guerra, a morte, os desastres e os naufraxios), principia con dúas introducións asinadas polas coordinadoras. Na primeira delas, Temas tabú y ‘difíciles’, a profesora Roig realiza unha visión panorámica do tratamento dos temas censurados, salientando algúns aspectos recorrentes nas obras literarias sobre os perigos do mar. Pola súa banda, Oittinen, en Domestication & foreignization: censorship & child image, centra a súa atención no ámbito da tradución e na súa posible función domesticadora.

A monografía, composta por dezanove estudos escritos en castelán e en inglés, está estruturada en catro grandes bloques temáticos: a morte, os conflitos bélicos, os perigos do mar e a censura, esta última relacionada fundamentalmente co ámbito da tradución. No marco da literatura galega insírense os traballos de Isabel Mociño, “El mar y la guerra en la narrativa juvenil del escritor gallego Rafael Lema”, no que conflúe o tema da violencia co mar e os seus perigos; e Carmen Ferreira, “La guerra en el álbum narrativo en lengua gallega”, no que se analiza a representación dos conflitos bélicos en dez álbums ilustrados publicados en lingua galega no que vai do século XXI.

A diversidade dos estudos incluídos converte esta obra nunha boa ferramenta tanto para investigadores como para mediadores docentes encargados de elaborar seleccións para os lectores máis novos. Cómpre que os cativos e adolescentes se acheguen a obras de autores como Jordi Sierra i Fabra ou Ursula Wölfel que tratan asuntos complexos, facilitando o desenvolvemento intelectual e cognitivo dos receptores e favorecendo a súa capacidade crítica. Nunca debemos esquecer o poder dun libro e a súa capacidade para mudar o mundo. 

pousadascr@gmail.com