El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Metamorfose contra o mal

Bicha, de Eli Ríos, un relato de aventuras

ISABEL MOCIÑO. UVIGO-ELOS  | 12.06.2016 
A- A+

A metamorfose é un fenómeno presente na tradición literaria, pero semella que as súas potencialidades aínda son moitas, como se demostra no relato Bicha, de Eli Ríos, obra gañadora do Premio Pura e Dora Vázquez 2015. Esta obra moi acaída para o lectorado preadolescente recrea, máis alá de aventuras e intrigas de catro protagonistas, unha metáfora da convulsa etapa de transición entre a infancia e a idade adulta, propiciando a reflexión sobre problemas derivados da aceptación de un mesmo, os cambios físicos, o coñecemento e a convivencia cos demais, así como a integración na sociedade na que nos tocou vivir.
O relato presenta nove capítulos curtos nos que catro rapaces, Nina, Roi, Raúl e Lucía, loitan contra unha trama internacional, converténdose en adaís dunha causa xusta: facer fracasar a conspiración que pon en risco milleiros de vidas en Galicia e tenta provocar unha catástrofe ambiental. Nesta loita contra intereses económicos xorden aspectos tan actuais como a especulación inmobiliaria que provocou a fonda crise económica dos últimos anos, a potencialidade das novas tecnoloxías e descubertas científicas capaces de mutar a cada un dos rapaces en animais (tarántula, mona, furón e moucho).
Son de sinalar tamén as referencias de carácter histórico, como as graves consecuencias do terremoto de Lisboa en 1755 e os seus efectos en Galicia ou o máis recente afundimento do Prestige, que deu a coñecer á opinión pública o monte submarino coñecido como o Banco de Galicia, unha barreira natural e rico ecosistema que é preciso protexer e dar a coñecer aos máis novos para que desenvolvan unha actitude respectuosa co medio natural. Bicha conta coas suxestivas ilustracións de Patricia Román, cuxas propostas de carácter figurativo adoptan diferentes perspectivas sobre os protagonistas e as súas vivencias. Estes deseños complementan un texto no que tamén se recorre ao xogo tipográfico, ao inserir en cor verde os pensamentos e conversas telepáticas entre os protagonistas, discursos que abren e pechan coa fórmula “Bicha”.
En definitiva, unha obra ben acollida polo público que esgotou en pouco tempo a primeira edición, ao que de seguro contribuíu o seu argumento fresco e un prezo asumible. Un exemplo da funcionalidade dos premios literarios que como o Pura e Dora Vázquez recoñece o labor de dúas creadoras, Eli Ríos e Patricia Román, e contribúe á visibilización da literatura infantil. imocino@uvigo.es