El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias » El Correo 2

María Solar, a transición e os amores difíciles

A escritora publica simultaneamente en galego (Xerais) e castelán (Grijalbo) 'as horas roubadas', unha viaxe cara ós anos oitenta, en plena transición política

FOTO: Lavandeira jr.
FOTO: Lavandeira jr.

TEXTO JOSÉ MIGUEL GIRÁLDEZ FOTO LAVANDEIRA JR.   | 25.09.2016 
A- A+

Con moi notables éxitos na novela infantil e xuvenil, cunha longa traxectoria como escritora e xornalista, María Solar percorre agora o territorio dos amores difíciles. E, con todo, necesarios. Diríase que estamos ante unha muller hiperactiva, capaz de abarcar varios ámbitos da comunicación ao tempo. Cando me atopo con ela, para unha longa conversación de case unha hora en Compostela, aínda quedan días de verán, e a súa nova novela ábrese camiño, tanto na edición orixinal, publicada en galego por Xerais, como na versión española, publicada por Grijalbo. "Esta é a primeira vez que aparece unha novela miña en castelán e galego á vez. E tamén é a miña primeira novela de adultos, pero asegúroche que para min non era unha meta. Eu estaría igual de realizada, e tan tranquila, coas miñas historias xuvenís. E seguirei con esas historias, claro. O que ocorre é que esta novela demandaba unha certa idade dos lectores, unha certa madurez", di.

Lemos o que se le na capa: "amores inxenuos, amores rotos, amores clandestinos". É un bo resumo desta historia. Dígolle que se trata do amor entendido a través de idades diferentes, a través de varias xeracións. E dígolle tamén: "os máis novos, como Roberto, por exemplo, non son capaces de comprender o amor entre os máis vellos..." María sorrí e tira das súas propias lembranzas. "Cando eu era adolescente, a avoa dunha amiga miña, aquí, en Santiago, namorouse de súpeto. Era viúva. E viña á beira de nós, que nos estabamos preparando para ir á discoteca, e pintábase con nós os beizos e esas cousas. Estaba namorada, non importaba a súa idade, estaba chea de ilusión, coma se ela mesma fose adolescente. Porque no amor, a idade non importa", di María. "Iso de sentar a cabeza por ter corenta anos"... En fin!"

Esta é unha novela coral, con moitos personaxes, con situacións completamente diferentes. As horas roubadas sitúase nese momento confuso e ilusionante que foi a Transición. As horas roubadas non é, desde logo, unha novela política, pero hai nela un retrato da España do momento. É unha novela de desafíos, na que conta o amor, pero tamén a sociedade daqueles anos, unha sociedade en tránsito. "O ano 79 foi un ano de transición no político, pero, como dis, tamén no social", explica María Solar. "Non podía ser doutra maneira. Había xente que quería conservar os seus vellos privilexios. Outros, desexaban algo novo. Mesmo existía aínda medo a algunhas liberdades, como o divorcio, para o que só faltaban dous anos. Recordo que había manifestacións mesmo en contra. Hoxe parécenos algo incrible, claro. Pero, sobre todo, nesta novela vemos que foi un momento de transición na vida de moitas persoas. Aquí hai todo tipo de xente, confróntanse as formas de vivir de varios tipos de familias. E son modelos que un pode lembrar".

Así, temos a Rosa, "unha muller", di María, "dominada polo seu home, e que se deixou dominar". "De feito", engade, "un deixaba de traballar porque casaba", explica. "E estaba iso de comer as sobras... O que sobraba da comida, para mamá. Esta muller case termina como unha escrava. E iso existía. E estaba o golpe na mesa, e a labazada aos fillos, como tamén ocorre na novela. Podemos lembrar cousas así", insiste.

A televisión foi un elemento icónico naquel tempo. Mesmo, máis que agora. A televisión era a primeira gran xanela ao mundo para este país. E María Solar, que ademais de escritora é unha muller da televisión (unha xornalista de longo percorrido na Televisión de Galicia), subliña a importancia deste aparello que cambiou as nosas vidas para sempre. "No ano 79 estaban a facerse as probas de transición á cor... Bueno, era unha marabilla, poder ver o mundo con todas as súas cores, e tal. Pero había un problema. Era necesario ter un televisor preparado para recibir a nova emisión. E moita xente tivo que seguir vendo o mundo en branco e negro, evidentemente. A televisión en cor converteuse de súpeto nun gran desexo colectivo. Hai que decatarse de que o meu personaxe ten que lavar nunha táboa, na bañeira, pero non fala de ter unha lavadora, non. Fala de ter unha televisión en cor!, explica, divertida, María Solar.

"Hai moitas situacións recoñecibles para nós nesta historia", admite Solar. "E non, non creas que resultou fácil reflectir todo isto no texto. Por exemplo, non foi fácil explicar como os fillos consentían, en certa maneira, todo o que pasaba. Ou como o home controlaba, como vai envolvendo á muller nunha espiral de dependencia. A verdade, tiven que andar con moito coidado, con moito tacto no canto de explicar todo isto", subliña.

Como dixemos, a novela covierte á televisión en personaxe, e serve ademais para marcar con claridade a cronoloxía da época. a televisión en cor significaba un tempo novo. "Aos adolecentes chegáballes unha visión do mundo que nin sequera sospeitaban", conta María Solar. "A televisión tivo moitas funcións neste instante da nosa historia. Hai un momento no que o pai, a pesar do seu habitual comportamento machista. di aos fillos que miren á pantalla, porque iso que ven, tan só uns poucos anos antes non se podía mostrar, estaba prohibido". Hai varias manifestacións do amor, algunhas moi típicas, nas que Solar quería insistir. E faino. "Un deses tipos é o amor controlador, o amor posesivo. E segue ocorrendo, aínda que hoxe será con mensaxes, nas redes, etc. Pero existe. Os rapaces ás veces non se decatan porque estan fascinados coas súas primeiras experiencias amorosas. Nesta historia hai unha rapariga que termina facendo o que lle convén, non o que desexa, por mor de toda a presión familiar que ten ao redor. Isto é algo moi real. A modernidade está moi ben, pero a importancia da posición social á hora dos matrimonios segue funcionando tamén hoxe", apunta a escritora.

A lei do divorcio, que neste ano estaba en trámite, pode considerarse unha peza importante en As horas roubadas. "Tampouco pasou tanto tempo... Iso de casar para toda a vida, aínda que che pegaran... En fin. É incrible que existise iso, como é incrible que as mulleres tivesen nunha época na que ir acompañadas ao banco, ou que non puideran asinar, etc. Pero creo que a Transición foi un momento histórico moi interesante, que nos fai reflexionar. Toda a historia desta novela, que non o dixemos aínda, parte dese papel que ten na man un vello, Anselmo, que morre, no que se le dime que me queres, e que descobre unha infidelidade.

Na novela, o tema da emigración tamén é importante, como non podía ser doutra maneira. "Si, a emigración tamén está moi presente", confirma María Solar. "Anselmo volve e fai que se note, que se vexa que gañou cartos en Arxentina, fuma puros... ten que ostentar o ben que lle foi, porque sufriu moito para conseguilo. A historia da emigración está moi presente, si. Na miña familia, sen ir máis lonxe. Marchar con 17 anos, sen saber se vas volver ou non... Aquí Carmen é a que volve, soa, a que fai toda a travesia... A novela cuenta que Carmen e Anselmo eran felices dentro dunhas portas, pero non podían ser felices fóra delas. E chega un momento no que deciden separarse. Con todo, de vellos, reaparecen. Sacrificaron o seu amor para non ferir a outros. E é que estamos mediatizados pola contorna. Pero hai que ser valentes. Nada é perfecto, e ademais o perfecto adoita ser aburrido", recoñece María cun sorriso.

A frase no papel de Anselmo, dime que me queres, funciona como un McGuffin. E axuda a manter viva a memoria, porque a memoria é a vida a esas idades. "Durante un tempo, esta novela titulouse así: Dime que me queres, confesa María Solar. Logo cambiámolo. Pero iso é o que queres escoitar, despois de todo: que alguén che diga que te quere". As horas que roubamos, as horas non oficiais, as que quitamos á nosa biografía, son ao final as máis verdadeiras. Na novela, claro, refírese ás horas que Anselmo quitaba ao seu matrimonio para estar con ela, naquel piso da Rúa Tango. Pero, en xeral, falamos das horas roubadas a nosa vida cotiá, para tratar de atopar nelas unha felicidade agochada.