El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Manuel Rivas reedita un conxunto de historias conmovedoras

BELÉN BOUZAS GORGAL. USC/ELOS  | 03.07.2016 
A- A+

O escritor Manuel Rivas (A Coruña, 1957), recentemente galardoado co Premio da Crítica española (2015) e na I Gala do Libro Galego (2016) pola súa novela O último día de Terranova (Xerais, 2015), achégase de novo aos seus lectores máis noveis con Madonna e outros contos de inverno, publicado por Xerais na colección xuvenil Fóra de Xogo en 2015. É un escritor, xornalista e ensaísta, moi coñecido e recoñecido pola súa obra en xeral, tanto en Galicia como fóra dela por medio das traducións a máis de vinte linguas.

En Madonna e outros contos de inverno atópase un conxunto de historias conmovedoras que fan transitar o lector por unha ampla diversidade de ambientes e épocas, abarcando temas como o poder do amor, a dor da emigración, a amizade, a resistencia no franquismo, a crise das vacas tolas ou o tráfico de drogas.

A colectánea comeza evocando un 'lento e doloroso piano de Satie', melodía que acompañará o lector durante O namorado de María, unha historia de amor que se sitúa na resistencia antifranquista; continúa a andaina con Okay, monólogo dun mariñeiro que presta declaración polo afundimento dun barco chamado Begonia a un interlocutor descoñecido e que non se deixa oír; ségueo Madonna, entenrecedor relato que viaxa ata a Galicia rural, facendo visible o mal das vacas tolas; O amor das sombras, no cal se narra a historia dun amor frustrado, imposible; O carteiro de Papá Noel, intensa historia que se sitúa na pel dun traficante de drogas; O partido de Reis, amizade e fútbol en estado puro; A barra de pan, lembranzas que fan viaxar ata os tempos onde gobernaba a cartilla de racionamento; e, por último, A chegada de Ingrid, conto no cal se revela a cara amarga da emigración, tan presente na actualidade.

Manuel Rivas continúa 'inventando a verdade', traballando no campo da ficción realista e ofrecendo aos seus lectores breves e intensos cadros da vida cotiá onde se amalgama o realismo rural, mariñeiro e urbano. Sensible a todo o que o rodea, o autor consegue decodificar esa realidade, combinándoa con pequenas e precisas pinceladas de humor mediante unha linguaxe amena, a cal se ve enriquecida coas numerosas referencias culturais e con esa resonancia poética que o caracteriza. belenbouzas@gmail.com