El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Elos de lectura

Literatura infantil e xuvenil

María Canosa reivindica a figura dos avós en 'Muriel' // Roles femininos e guerras mundiais // Xerais reedita 'Conta saldada' de Suso de Toro // A palabra, unha subversión ante o pensamento único // Allumette: un libro satírico de Tomi Ungerer

COORDINA BLANCA-ANA ROIG RECHOU  | 01.04.2018 
A- A+

María Canosa reivindica a figura dos avós en 'Muriel'

Texto: CARMEN FERREIRA ICE-USC/CRPIH

Tras ser finalista do Premio Merlín en dúas ocasións, María Canosa (Cee, 1978) cumpre o dito "á terceira vai á vencida" ao obter este merecido galardón en xuño do pasado ano pola obra Muriel, publicada en outubro de 2017 por Edicións Xerais de Galicia para unha franxa de idade de "9 anos en diante" na súa emblemática colección Merlín. A obra cativaba ao xurado pola súa orixinalidade e a sedución do poder das palabras, daquelas que se din e das que se calan tamén. Eríxese, como recolleu o xurado na emotiva cerimonia de entrega na Illa de San Simón, como un canto á imperiosa necesidade da cor que xorde do branco.

Estruturada en vinte e cinco capítulos, reivindica a figura dos avós, grazas aos recordos de Muriel, o neno protagonista, que bota de menos a súa avoa, as conversas, os contos, os pasteis e os bicos máxicos que compartían e da que lle queda como recordo o maxestuoso carballo que ela plantara para el. Na compaña dun raposo riseiro, chamado Blim e con recendos do que acompañaba ao Principiño, co que descifra o verdadeiro valor da amizade e das relacións persoais, Muriel adéntrase na aventura da descoberta e do proceso de madureza, enfrontándose aos seus medos. Pouco a pouco o gris que tingue o seu mundo, a triste e sombría vila de Cartaria, vai virando cara á cor que simboliza a conexión co seu pasado feliz, a través da figura da avoa, do recendo do leite e da importancia das cartas, que atesouran información e emoción e que lle entrega o enigmático leiteiro Fígaro, quen o leva a coñecer o seu castelo na luminosa Martiñeira. Así pois, un problema real, como foi o das cotas de leite dos gandeiros galegos, leva á autora a reivindicar por medio desta historia as materias primas e os oficios más tradicionais xa en perigo de extinción (como o de leiteiro e de carteiro) e a rememorar no lectorado máis adulto os tempos nos que o leite aínda sabía a leite e se repartía polas casas na leiteira e non se mercaba no supermercado.

Este fermoso e emotivo relato acompáñase das delicadas ilustracións que realizou a artista plástica Lucía Cobo (Lugo, 1982) e que representan magnificamente e con sensibilidade e delicadeza os dous protagonistas desta historia que engaiola e transmite desde as primeiras liñas. Unha obra que, en clave simbólica e cun rexistro moi coidado, fala de xustiza, honestidade e amizade e que se enfía cos ingredientes da intriga, da ilusión e da curiosidade do protagonista, unidos á maxia e fantasía.

verinesa@yahoo.es

 

Roles femininos e guerras mundiais

Texto: ROCÍO GARCÍA USC-CRPIH

Dámos noticia da publicación Guerras mundiais na literatura infantil e xuvenil galega. Roles femininos que atende ao sistema literario dirixido os máis novos a través dunha temática actual, coordinada por Eulalia Agrelo e editada polo ICE (Instituto de Ciencias da Educación-USC) na colección Materiais didácticos.

Dos traballos que se ofrecen, os mediadores entre o libro e a lectura (docentes, familias ...) poden sacar información sobre obras que literaturizaron as grandes guerras mundiais e os roles das mulleres nelas. Son catorce traballos de investigadores galegos e portugueses, que achegan comentarios que consideramos fundamentais para recomendar lecturas sobre esta temática.

Un material co que se poden realizar intervencións didácticas de grande interese na educación de hoxe, pois se ben os conflictos bélicos non deben esquecerse, tampouco os roles que as mulleres realizaron neles. A memoria necesaria. rocy_ gp@gmail.com

 

Xerais reedita 'Conta saldada' de Suso de Toro

TEXTO: NAIR VIDE DIÉGUEZ USC

No mes de xuño de 2017, Edicións Xerais de Galicia reeditou a obra de Suso de Toro (Santiago de Compostela, 1956), Conta saldada, na colección Fóra de xogo coa que quere aproximarse non só á mocidade senón a calquera lector.

A primeira edición é de 1996, publicada por Alfaguara/Obradoiro. Foron ben acollidas, pois, ademais de recoller as claves poéticas de autor, ofrecen reflexións sobre a identidade, as convencións sociais, a cobiza, a hipocresía e a violencia a través dunha moza protagonista que tenta vingar o asasinato do pai, temas moi do gusto dos novos, como se pode comprobar na Historia da LIX galega ( Xerais, 2015). Suso de Toro, autor recoñecido na literatura institucionalizada, xa se achegara ao sistema literario infantil e xuvenil cunha obra, tamén moi ben acollida e moi novidosa, A sombra cazadora (Xerais, 1994). Sexan benvidas as novas edicións de obras que se converteron en referentes. nair.vided@gmail.com

 

Allumette: un libro satírico de Tomi Ungerer

TEXTO: SARA REIS DA SILVA UMINHO/ELOS/LIJMI

Tendo asinado máis dunha centena de libros, Tomi Ungerer (Estrasburgo, 1931) é un nome de referencia, un clásico contemporáneo, imprescindible nas bibliotecas. Frequentemente apelidado de excéntrico, o autor caracterízase pola singularidade das súas obras, a presentación de héroes diferentes ou por tratar tópicos como o medo, a guerra ou as diferenzas socio-económicas do mundo actual. Allumette é a súa narrativa máis satírica, inspirada en H. C. Andersen, nos irmáns Grimm e en Ew. Ambrose Bierce. Ábrese coa presentación dramática da protagonista, que se viste de farrapos. Un día, a deshumanidade da vida da pequena heroína é milagrosamente apagada coa variedade de cousas que choven do ceo e que ela soñara. O final é positivo, pois a protagonista monta unha operación humanitaria e distribúe os obxectos que caeran do ceo. A construción visual expresionista salienta o humor e a crítica ao consumismo. sara_silva@ie.uminho.pt

 

A palabra, unha subversión ante o pensamento único

TEXTO: MAR FERNÁNDEZ VÁZQUEZ ELOS, LITER21/LIJMI-USC

Jordi Sierra i Fabra incrementou a súa prolífica e galardoada produción durante o ano 2017 con seis narracións infantís e catro xuvenís, das que analizamos As palabras feridas (Galaxia, col. Costa Oeste). Nesta novela de aprendizaxe e de firme defensa da liberdade, publicada simultaneamente nas catro linguas cooficiais de España, a palabra funciona como motivo, argumento, leitmotiv e recurso estrutural.

O metafórico título remite ao tema principal, silenciado na maior parte da novela a causa das opresivas medidas do Gran Pai durante a revolución e o posterior "sistema de reeducación" para impoñer á forza o seu pensamento único, disfrazado de "ben común" para a colectividade, co fin de afastala do decadente mundo occidental.

Salientan as palabras feridas de Wang Zhu, personaxe desencadenante do conflito, o preso 139 ao que o "sistema" tenta reducir a "un número en lugar de corazón", por ser "un líder na sombra". Resaltan as palabras: "cárcere", remoto lugar onde reclúen, baixo severas normas, os disidentes e os elexidos soldados destinados alí; a "reeducación" ansiada polo Estado para erradicar as "bestas" e "animais" dos disidentes e para converter os cidadáns en autómatas sen emocións nin pensamentos propios; e o "suicidio" dos presos, calificado de "victoria para o morto" e "afronta" para o sistema e a revolución, autoproclamados a "única dona das súas vidas". E tamén a palabra "escrita", referida aos libros (todos eles subversivos, agás o Libro único onde se afirma que o Partido o é todo) e ás cartas dos presos, enviadas ás súas familias tras a censurada lectura de Li Huan, quen cuestiona o absurdo Estado. O final cura as palabras feridas: o amor do preso 139 pola súa dona simboliza a liberdade e a paz lograda polo arrepentido Li Huan, nun tándem coa canción "Imagine" de Lennon, que pecha a novela.

margramanet2004@yahoo.es