El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Lendas, versos e imaxes

Unha proposta pioneira sobre a cultura popular

MAR FERNÁNDEZ VÁZQUEZ  | 03.07.2016 
A- A+

A transmisión oral pervive como herdanza que os maiores contaxian á infancia e como fonte de inspiración viva, grazas ás recompilacións de distintos tipos de contos, lendas e mesmo refráns e ás reescrituras de numerosos autores ao longo dos tempos.

Galicia conta cunha rica cultura popular e literatura de transmisión oral, recuperadas e valorizadas por diferentes mediadores (sobre todo, docentes, investigadores, estudosos e ilustradores), se ben existía unha carencia de recreacións e actualizacións poéticas de seres míticos da cultura popular tradicional galega, que cubriu Lendo lendas, digo versos (Xerais, 2015).

A obra ofrece tripla autoría: a visual do recoñecido Xosé Cobas, inserido na listaxe de honra The White Ravens da Biblioteca Internacional de Múnic en 2003 e 2005; e a textual de dous Antonios. García Teijeiro, un clásico contemporáneo da LIX galega, basea na lírica popular os poemarios iniciais Nenos, Coplas e Aloumiños (Galaxia, 1988) e os de 2015, Palabras do mar (Embora) e En la cuna del mar (Creotz Ediciones, ilust. Xosé Cobas); e Reigosa divulga a mitoloxía popular, a literatura de tradición oral e a cultura oral, desde o Grupo de Investigación Etnográfica Chaira que cofundou, a Enciclopedia Virtual Galicia Encantada e as seleccións de contos que coadaptou con Xosé Miranda e con Xoán Ramiro Cuba.

Os autores reivindican a necesidade da pervivencia do relato lendario, xa que este recrea rituais dogmáticos e achega o coñecemento de historias de lugares concretos e tempos heroicos e remotos. Por iso acollen, en prosa, verso e imaxe, vinte lendas pouco coñecidas polo lectorado mais variadas na temática, na xeografía galega e na duplicidade ben/mal que caracteriza os personaxes. Sirvan de exemplo a xustiza poética aplicada sobre Pedro Madruga grazas á estratexia de Ponteciña e da súa filla, e o dobre engano sufrido polo demo na ponte de Gatín; e a crítica contra o cruel costume de abandonar os vellos no monte en Camposancos e as estravagancias do trasno Goriño do casal da Aldea de Abaixo de Melide.

En suma, esta obra pioneira salienta pola unión de lenda narrada, transvasamento poético da lenda e imaxe do momento exacto do ritual de desencantamento; a aposta interartística de reivindicar e contaxiar a transmisión oral a lectores de calquera idade; e a inclusión de referencias bibliográficas que son de consulta obrigada para afondar na cultura popular.