El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

Justo Beramendi: "os retos son a ampliación e o relevo xeneracional"

Justo Beramendi - FOTO: ANTONIO HERNÁNDEZ
Justo Beramendi - FOTO: ANTONIO HERNÁNDEZ

12.02.2017 
A- A+

Cales son ao seu ver os sinais de identidade do Museo do Pobo Galego?

Son principalmente tres. A primeira é a conservación da memoria da nosa cultura tradicional, base da persoalidade colectiva de Galicia. A segunda, a converxencia das institucións públicas coa sociedade civil na súa creación e no seu sostemento. A terceira, a súa vontade de enraizarse no pobo que lle dá nome e de participar na análise dos seus problemas.

Pensa que a identidade de Galicia como pobo esperta o interés dos galegos? E máis alá das nosas fronteiras?

Penso que si, aínda que se cadra non coa intensidade suficiente. En canto aos de fóra, o mundo é moi grande. Hai países nos que nin siquera se sabe que exista Galicia. Noutros, unha minoría amosa un interés positivo polo noso. Tamén están os estereotipos negativos, moi antigos e hoxe en retroceso, pero aínda vivos. En que piares se centra a actividade do museo?

Son os que lle cito a continuación: o mantenemento e renovación da colección permanente; o programa de exposicións temporais; as numerosas iniciativas do Departamento de Educación e Acción Cultural, que non se limita á difusión didáctica entre os escolares que nos visitan; a xestión da biblioteca e o arquivo documental, que xa teñen un volume moi apreciable e que están a disposición dos investigadores; o servizo de publicacións; as actividades do Instituto de Estudo das Identidades (Arquivo do Patrimonio Oral e Inmaterial, foros sobre problemas de actualidade, organización de xornadas e congresos); e a Fundación Antonio Fraguas, na que salienta o consolidado Proxecto Didáctico dirixido a centros de ensino primario e secundario.

Dame a impresión de que en xeral se coñecen as salas etnográficas e se visita a famosa escaleira helicoidal, pero que non se sabe o que ofrece o museo máis alá. Vostede que opina? 

Iso é normal, case inevitable. De todos modos, as exposicións temporais tamén son moi visitadas. E o resto de servizos e actividades teñen un público máis especializado e polo tanto máis reducido. Logo cre que chegan á sociedade ou é unha asignatura pendente?

A incidencia social deste museo é moi superior á dos demáis do seu xénero, pero sempre hai que esforzarse porque sexa maior.

Agora teñen en marcha unha campaña de captación de socios. Perciben interese?

Si. Creo que a campaña, que é iniciativa dos propios socios, está moi ben pensada e espero que teña éxito.

Cal é o papel destes socios?

A súa función principal é ser as raíces do museo na sociedade, mantelo vivo e en contacto co pobo ao que nos debemos. A función secundaria, pero tamén importante, é axudar económicamente. Para que a segunda non deturpe a primeira, optamos por unha cota baixa (30 euros/ano) que facilite o maior número posible de socios. Neste momento temos uns 1.500. Por outra parte, para que non sexan unha masa pasiva e participen efectivamente na vida do museo, os socios están organizados nunha oficina propia e imbricados no goberno a través de represntantes no Padroado e na xunta de goberno.

Como se financia o centro?

A financiación é mixta público-privada. Temos subvencións da Xunta de Galicia (a máis importante), do Concello de Santiago, o Parlamento, as catro deputacións, as tres univesidades e outras, institución todas que forman parte do Padroado. E logo están as cotas dos patronos, dos socios e dun reducido número de empresas, ademáis da venda de entradas a visitantes que non sexan escolares.

É suficiente o orzamento?

Os ingresos, que diminuiron por mor da crise, son insuficientes e se chegan é porque dende a súa fundación a dirección do museo traballou sen cobrar nada, o que debe ser un caso único no mundo pero que non se pode manter indefinidamente, e porque contamos coa colaboración desinteresada dun voluntariado entusiasta que vai suplindo as carencias dun cadro de persoal moi bo pero claramente insuficiente para o tamaño do museo e a diversificación das súas actividades.

E no que se refire aos fondos museísticos? Como se nutre?

Prácticamente todos os fondos museísticos, bibliográficos e documentais proceden de doazóns.

Volvendo ao aniversario, pode constatarse unha evolución ao longo destes corenta anos de andaina?

A evolución consistiu simplemente ir pouco a pouco rehabilitando o edificio (que estaba ruinoso), cumprindo o programa museístico (que aínda non está completado) e atraendo un número crecente de colaboradores na empresa común. E sempre con recursos moi escasos. Que retos principais se poñen de cara ao futuro?

Os dous retos maiores son, por un lado, garantir o relevo xeracional tanto no Padroado como na dirección do Museo, porque quen o crearon ou morreron ou estamos na prórroga, e por outro lado, realizar o programa de reformulación e ampliación do museo (que temos elaborado hai anos á espera de que haxa cartos) coa incorporación plena da Galicia urbana (infrarrepresentada hoxe) e a modernización das técnicas expositivas do conxunto.