El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Guerras mundiais na Lix

ANA FERNÁNDEZ MOSQUERA. ANILIJ   | 18.06.2017 
A- A+

Cumprindo cos seus obxectivos anuais a Rede Temática de Investigación Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano (LIJMI) deu a lume no outono do ano 2016 o monográfico Reflexos das dúas guerras mundiais na LIX que, como o título anticipa, acolle un conxunto de ensaios centrados en como, desde diferentes perspectivas, se reflectiron nas literaturas infantís e xuvenís as guerras mundiais. Ao xeito de volumes anteriores publicados por LIJMI, co apoio do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e de Edicións Xerais de Galicia, Reflexos das dúas guerras mundiais na LIX ábrese cun artigo introdutorio, asinado polo investigador portugués José António Gomes, no que se reflexiona sobre as diferentes maneiras de representación da Primeira e Segunda guerras mundiais nos libros para a infancia e xuventude, moi especialmente en libros pertencentes ao contexto europeo e en títulos incluídos no xénero narrativo, aínda que non só. A seguir, acóllense sete estudos panorámicos nos que os responsables dos ámbitos castelán, catalán, galego, portugués, vasco, brasileiro e mexicano (Jesús Díaz, Joana Cladera, Marta Neira, Ana Margarida Ramos, Sara Reis, Xavier Etxaniz, Manu Lopez, Thiago Alves, Laura Guerrero e Áurea Esquivel) dan conta de como estes conflitos se reflectiron nas respectivas literaturas infantís e xuvenís axudando ao lectorado da obra a coñecer mellor aquelas que o rodean. Reflexos das dúas guerras mundiais na LIX compleméntase co conxunto de vinte e catro “Comentarios cara á formación lectora” entre os que se atopa a análise das obras de Brukner, Coerr, Maruki, Ungerer, Gallaz, Bauer, Brami, Vander Zee, Frank, Kerr, Joffo, Nöstlinger, Reiss, Morpurgo, Dahl, Härtling, Lowry, Orlev, Boyne, Zusak, Spiegelman ou Pratt, ás que se lles suma un artigo dedicado á ilustración no que se dá conta do labor dos fotógrafos nas contendas bélicas e no que os autores da USC, Franco e Calviño, se deteñen nas ilustracións que representaron o horror das guerras nunha selección de títulos, a maioría deles galegos.Trátase, en definitiva, dunha obra de consulta imprescindible para aqueles que teñan que realizar recomendacións lectoras, seleccións temáticas ou labores de formación literaria e que está dirixido en primeiro lugar a docentes, bibliotecarios ou animadores culturais, aínda que tamén a familias e a todo o público interesado na LIX.
anafmosquera@yahoo.es