El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Francisco Castro Veloso: "eu son un activista da nosa lingua e da nosa cultura"

Tras quince anos nos que o mundo editorial e as industrias culturais viviron cambios profundos, victor f. freixanes deixa a dirección de galaxia. este gran símbolo da cultura e a lingua galega, berce de ideas e de soños, tamén da supervivencia cultural do exilio e da emigración, comenza unha nova etapa na que terá que conxugar o gran legado coa modernidade e os retos do futuro.

Francisco Castro Veloso (Vigo, 1966), cunha prolífca traxectoria literaria, é o novo director xeral de Editorial Galaxia, desde decembro de 2016. - FOTO: Cristina Brea Lodeiro
Francisco Castro Veloso (Vigo, 1966), cunha prolífca traxectoria literaria, é o novo director xeral de Editorial Galaxia, desde decembro de 2016. - FOTO: Cristina Brea Lodeiro

JOSÉ MIGUEL GIRÁLDEZ   | 22.01.2017 
A- A+

Gran parte da relevancia histórica de Editorial Galaxia reside nesa vontade de resistencia en tempos extraordinariamente ingratos e difíciles. No compromiso, na procura da identidade, na conservación da memoria. E nesa base ampla, que é o pobo e a súa intrahistoria, na que conviven todas as sensibilidades culturais e mesmo sociais, resumidas quizais en dúas verbas que abondan para explicarmos: Galicia e a súa lingua. A fotografía da Asamblea fundacional de Galaxia en 1950, que reproducimos na páxina anterior, tomada nos baixos do Hotel Compostela, é reveladora pola súa representatividade. Aínda que, como advirte a propia editorial, nela non están todos os que son. Aí agroma o gran espírito das nosas letras, desde o desafío da cultura, en días de sombras e de escuridade. O labor posterior non ofrece dúbidas. A pesar das dificultades, debe escribirse con letras de ouro. Na memoria máis próxima quédanos o seu gran director, Carlos Casares, celebrado con toda xustiza neste ano de 2017. E aí están estes últimos quince anos de crecemento, con Víctor Freixanes ao fronte, a pesar de que vivimos un momento moi pouco favorable á industria editorial. Fai unhas poucas semanas Galaxia cambiaba de timonel. Francisco Castro, un home da casa, de ampla traxectoria nos eidos da edición e da creatividade literaria, foi nomeado novo director xeral. Nesta longa entrevista Castro fala de todos os seus proxectos, da necesidade de abordar os desafíos da modernidade, e de todos os seus soños.

Galaxia é un símbolo de Galicia desde a súa fundación en 1950. Supoño que cando un se converte en director xeral dunha empresa así a responsabilidade que sente é enorme.

Exactamente é así. Unha enorme responsabilidade. A Editorial Galaxia non é unha empresa sen máis. É unha das grandes e máis importantes institucións culturais de Galicia. Probablemente a máis importante, por historia, polo predicamento que ten no país, polo que leva feito para normalizar a lingua, a literatura, a cultura.

Este ano celebramos en Galicia a figura indiscutible dun gran home da cultura, da literatura e das industrias culturais deste país, que é Carlos Casares. Tamén unha figura fundamental para Galaxia.

Así é. Carlos Casares foi un xigante. Das letras e da edición. Ocupar a cadeira que un día el ocupou á fronte da editorial pesa moito. Pero para ben. É un referente, un guieiro. A súa pegada aínda é moi visible na casa. Todos os días.

Daqueles días de Carlos Casares, que é o fundamental que temos que preservar?

Moitas cousas. Por exemplo o coidado que sempre puxo en impulsar a autoras e autores que estaban comezando. Mira por exemplo o caso de Antón Riveiro Coello, que xa é un dos nosos autores máis importantes, xa non de Galaxia, senón de Galicia e do Estado. Carlos Casares foi fundamental para orientalo como escritor. E con outra moita xente. E hai que manter viva a necesidade de coidar da literatura infantil e xuvenil. Casares foi moi consciente de que había que facer lectoras e lectores, que a nosa literatura, e por ende a nosa lingua, tiña sentido se había pequechos que lesen en galego literatura de calidade. E aplicouse o conto. Como escritor, coa serie dos libros de Toribio, que estas semanas volvemos publicar, nun novo formato, máis acaído aos tempos de hoxe, pero co mesmo engado. E con outros libros que viñeron despois. E, sobre todo, creando a colección Árbore, que aínda seguimos mantendo.

Vostede ten xa unha longa traxectoria en Galaxia. Que queda daquel profesor de filosofía?

Pois imos para dez anos na editorial. E todos os días son marabillosamente intensos. Que queda daquel profesor de Filosofía? Pois probablemente moito. Porque os meus alumnos e alumnas lembrarán que sempre ocupaba a primeira parte da clase léndolles ou contándolles unha historia...a literatura xa andaba polas clases.

Estar á fronte da división infantil e xuvenil dunha editorial, de proxectos para a xente nova, ser presidente, como fuches, da Asociación Galega do Libro Infantil, ser case un adicto á presenza no ámbito da divulgación en escolas e colexios como é o teu caso, son factores que teñen que axudar moito a entender a realidade cultural á que nos enfrontamos.

Sen dúbida que iso é así e importa moito. O editor ten que estar cabo da rúa. Nos coles, nas librerías. Mais tamén nas redes sociais, onde tanto, e tan ricamente, se debate sobre cuestión sociais. Para min todas esas parcelas da miña biografía, do meu quefacer diario, son caras diferentes do mesmo. Eu son un home da cultura. E da literatura e as palabras e os libros. E creo moito na animación. Son un activista. Creo que non hai outro camiño.

Teño escoitado que, aínda que reivindicas con forza os inicios memorables de Galaxia, e a súa fonda participación na construción cultural de Galicia, con todo, dis, non se pode vivir da nostalxia.

Claro que non. É que a nostalxia, a melancolía, é unha cousa moi mala. A melancolía é querer estar noutro sitio diferente ao que se está. Podemos poñer os ollos nas épocas pasadas. E seremos uns nostálxicos que daremos moito xogo contando batallitas. Ou construir de verdade un futuro. Hai que vivir centrados no día a día, inventándonos día a día maneiras de seducir ao lectorado para que veña a nós. Da nostalxia non se vive e, como digo, no fondo é algo malo. Eu, cando escoito falar á xente do meu tempo (veño de cumprir 50) con expresións do estilo "a miña época", ou "cando eramos novos", sempre me aparto. A miña época é esta. Non os anos pasados. Centrémonos. A situación é complexa, os tempos, duros. Vale. Pero é o noso tempo. Imos pelexar.

Víctor F. Freixanes, ademais de ser un dos nosos grandes escritores, deixa unha longa e abundante herdanza como editor. Que aspectos desa herdanza consideras que son alicerces básicos para proxectarse cara ao futuro?

Como dixen de Casares, moitísimos. El foi quen de entender que Galaxia tiña que dar un salto cualitativo cara adiante cando, aos seus 50 anos, coma min, é nomeado Director Xeral de Galaxia. El foi quen nos meteu no século XXI, abrindo novas liñas de traballo, entendendo a editorial como unha fábrica de contidos, como unha empresa global máis alá do puramente editorial, centrada, como digo, en contidos culturais. Víctor foi quen de potenciar un dos nosos patrimonios máis sólidos, como son os clásicos, reactualizándoos continuamente, ao tempo que abriu a editorial a moita xente nova.

Ti es, como se di, un home da casa, coñeces moi ben Galaxia por dentro. Preocúpache ser o novo director xeral da editorial nun momento de grave crise na cultura e na industria do libro?

Preocupa, claro. Os tempos son complicados pero, como dixen antes, non serve de nada queixarnos. Son así, vale. Que imos facer? Sempre lles digo o mesmo aos meus compañeiros e compañeiras: imos facer os libros máis bonitos do mundo, imos facer as campañas máis xeniais do mundo, imos traer para Galaxia aos mellores escritores e escritoras. Ilusión. Ganas.

Sempre defendes a modernidade, porque os tempos van moi rápidos, adoitas dicir. Que tren non se pode perder no mundo editorial? A dixitalización, por exemplo, avanzou moito. Pero o libro electrónico segue sendo minoritario en España, moito máis minoritario que en Estados Unidos, por exemplo.

O libro electrónico non despega porque non hai un modelo de negocio claro. E porque no estado español ninguén quere pagar por case nada, canto menos pola cultura. Nós imos estar no mundo dixital porque a lingua e a cultura galegas deben estar. Pero dunha maneira moi prudente. Se che digo a verdade, o que máis nos ten que preocupar son os baixisimos índices de lectura en España. Se estivesemos ao nivel doutros países, tamén se lería máis en dixital. O crucial é que haxa lectoras e lectores. E en galego.

Salvo polo que se refire aos bestsellers, as tiradas baixaron moito, tamén en español. Hai que entender a edición como algo máis selecto, máis coidado, e esquecerse para sempre dos grandes números?

Eu creo que é tempo de sermos prudentes nas tiradas, pois, como ben indicas, a situación agora mudou. O problema é estructural. No se percibe ler como un valor. E as clases políticas pasan desta historia. O nivel de analfabetismo funcional da política é terrible. Por iso tampouco o perciben como un problema.

Galicia, e en particular Galaxia, ten unha longa e proveitosa historia de traducións, e un gran nivel nos tradutores. Hai un sentimento de preservar os clásicos, de que os clásicos teñan a súa versión en galego, a pesar de que non se poida obter, talvez, un gran rendemento económico da súa publicación?

Para nós iso é crucial. Estratéxico. E un mandado, ademáis, dos nosos fundadores no 1950. Temos que ter a gran literatura contemporánea, e clásica, en galego. O que pasa é que, como ben dis, o mercado non responde como debera. Mira por exemplo Harry Potter. Sacámolos en galego ao tempo que no resto das linguas do mundo. Foi un esforzo brutal. Económico, por suposto. Das tradutoras e tradutores. E o certo é que non saen do almacén malia os moitos esforzos promocionais que se fan. Onte volvín de Barcelona e, deformación profesional, visitei librerías e é brutalmente fermoso a cantidade enorme de espazo que ocupa o libro en catalán, sobre todo os grandes bestsellers do momento. Por que sucede iso? Porque hai un público detrás que responde. E nos cines podes ver estreas en catalán. Isto nos debería levar a falar das axudas á tradución, que son inexistentes, escasas, ridículas para todo o que debería de ser.

Galaxia sempre conxugou moi ben a tradición e a modernidade, por dicilo así. Pero é indiscutible que, polas súas características, non pode renunciar á gran herdanza cultural e literaria de Galicia. Galaxia é un gardián, un protector, un vixía, de todo ese tesouro que debe reaparecer de cando en vez, como sucede coas edicións de Mar Maior. Segues mantendo esa idea?

Explicas ben parte da nosa razón de ser. E iso conecta con Mar Maior. Temos que coidar do noso patrimonio literario pero tamén tentar espallar a literatura galega alén das nosas fronteiras. Por iso seguiremos adiante con Mar Maior. Tamén dunha maneira moi prudente, porque a situación económica alí tampouco da para grandes alegrías.

Pero tamén é importante descubrir novos talentos.

Si, claro! É fundamental. Por iso acabamos de convocar o Premio Illa Nova de Narrativa para escritoras e escritores menores de 35 anos. Para nós isto é crucial e a miña aposta polos novos creadores e creadoras vai ser absoluta. Vai haber estreas literarias interesantes a ese nivel este ano. E o premio contribuirá.

Non faltarán grandes sorpresas, como nos libros editados nos últimos anos. Sempre cabe a sorpresa e a maxia nun editor, verdade?

Este é un ofico de risco. Apostas por un libro convencido de que vai ser un éxito e pasa desapercebido e outros, que non vías tan claro, consiguen chegar a moita xente.

As axudas á tradución, imprescindibles?

Xa o dixen antes. Imprescindibles. É terrible o pouco que se axuda neste eido.

Que hai que facer para promocionar a nosa literatura (hai autores excelentes, e iso é indiscutible), para poñela en pé de igualdade coa literatura en español ou con outras? Que prexuízos absurdos hai de derrubar?

Eu creo que xa estamos en pé de Igualdade se do que falamos é de calidade. A literatura galega é de moi alto nivel. Tanto como calquera outra literatura da cultura occidental. Outra cousa é que se perciba así por parte da sociedade. Habería que conseguir que se entendese por parte de toda a sociedade que a cultura galega feita en galego é de primeiro nivel. Habería que darlle máis protagonismo nos plans de estudos. Habería que sensibilizar aos medios de comunicación para que nos dean a cobertura que precisamos. Habería que pedirlle á administración que estea á altura do país, e que se poña do lado, dunha vez, da industria cultural.

Ti es un escritor de moito éxito, practicamente en calquera franxa de idade. E agora tamén en castelán, sobre todo a partir da publicación de Tes ata as dez. Ser escritor e ademais moi coñecido, favorece o traballo como editor?

Si, claro. Todo inflúe en todo. Agora toca centrarse na faceta de editor. Pero sigo escribindo. Todos os días. Non sería eu se non o fixese.

Que proxectos inmediatos ten Francisco Castro como novo director xeral de Galaxia?

Pois un pouco xa os anunciei. A creación do Illa Nova e outros dos que falarei nos meses vindeiros. A aposta pola xente nova. O horizonte dixital...

Que lle pediría Francisco Castro aos dirixentes, aos que deciden as políticas culturais, desde a súa nova responsabilidade?

Pediríalles, simplemente, que cumpran co seu deber. Cando falamos de axudar á industria cultural (xa non falo de Galaxia, senón de todo o tecido cultural galego) non estou a pedir subvencións nin nada parecido. De feito, mira que frase vou dicir: non quero subvencións. Quero que nos deixen traballar. E iso implica que cumpran co seu deber. E un deber da administración é apoiar, tamén economicamente, a cultura galega, as empresas culturais, os proxectos da cultura. Non estamos a pedir nada. Pagamos impostos. Parte deses impostos teñen que ser para bilbiotecas, para os grupos de teatro, para os artistas plásticos, para as editoriais. Pídolles que cumpran co seu. E que traballen en clave de país, que entendan que hai que pelexar para que este país non desapareza. Todo iso lles esixo.

En que Galaxia non pode fallar a Galicia?

Galaxia non lle vai fallar a Galicia. Imos seguir siendo fieis ao decidido en 1950. Adaptándonos e estando na modernidade. Imos seguir coidando con estrema delicadeza todo o que facemos.

Gustaríalle pasar á historia de Galaxia como o director xeral que acometeu todas as transformacións necesarias para triunfar nun novo escenario para a edición?

Claro que me gustaría. Sobre todo pola historia e polas miñas compañeiras e compañeiros que se parten o peito todos os días con ilusión. As transformacións pasan por adaptarse a un novo escenario como o que levamos debullando nesta conversa: escaseza de axudas, mercado á baixa, peche de librerías, índices baixos de lectura... Como non creo na nostalxia, como xa quedou claro, o que nos toca é adaptarnos.

Entre manter viva a esencia dos clásicos que pasan pola historia e a pel de Galaxia e descubrir de súpeto ao merlo branco da nova literatura galega, con que queda?

Non hai por que quedar cunha cousa ou outra. Galaxia son os grandes clásicos e a mellor literatura nova. Todo. Quéroo todo.