El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

ELOS DE LECTURA. Literatura Infantil e Xuvenil

A fotografía dun pasado

'Europa express': unha viaxe polo pasado presente

TEXTO ROCÍO GARCÍA PEDREIRA USC/ELOS TEXTO MAR FERNÁNDEZ VÁZQUEZ ELOS-GALICIA, LITER21/LIJMI-USC TEXTO CARMEN FERREIRA LITER21-USC/CRPIH COORDINADA POR BLANCA-ANA ROIG  | 24.07.2016 
A- A+

A filóloga galega e hispánica Andrea Maceiras (A Coruña, 1987) conta cunha galardoada produción xuvenil, xurdida dunha vocación literaria temperá, na nenez, cando comezou a agasallar a súa irmá pequena con contos e relatos en datas sinaladas, aos que seguiron, na súa adolescencia, os que foi presentando aos certames de Cambre e de Redondela. Debutou en 2007 con Proxecto Bolboreta, I Certame de Micronovela do Concello de Soutomaior, o exemplo da liña do proceso de busca da identidade, que sempre aborda nas súas obras.

Europa Express (Xerais,2015) responde á mudanza de perspectiva na escrita de Maceiras: deixa atrás as voces narradoras en terceira persoa e dálles protagonismo aos personaxes que usan a primeira persoa para reflectir o seu mundo interior. Ademais de plasmar a introspección interior, expresada polos propios personaxes segundo a experimentan, Maceiras engade tamén nesta obra xuvenil a pluralidade de voces narrativas que serven de contrapunto ao personaxe de Nico, quen procura resposta aos interrogantes que lle xorden cando atopa por azar unha fotografía de dez anos atrás, que plasma un instante desapercibido para el e para a maioría dos seus amigos que aparecen retratados nela.

Ese instante convértese no detonante da trama e na causa que move a Nico a retomar a amizade cos sete compañeiros que emprenderan unha viaxe en interrail por varias cidades europeas para celebrar o remate dos estudos de bacharelato. Desde ese momento, a trama desta novela coral flutúa nun xogo de espellos entre o presente de Nico, Aroa, Xacobe, Beatriz, Óscar, Piero e Mía e o pasado da citada viaxe xuvenil, que permite ao lectorado coñecer pouco e pouco as súas personalidades e ir facendo conxeturas sobre o fatídico falecemento que os distanciou.

A intriga psicolóxica cara á descuberta da verdade agochada na fotografía supón sobre todo a viaxe interior de Nico, quen se cuestiona a súa amizade con Xacobe e a vida actual que comparte con Aroa. As dúbidas de Nico achegan á historia unha serie de tópicos universais, caso da inmortalidade, a beleza e a xuventude efémeras e a tentativa frustada do ser humano de apreixar e parar o tempo para perpetuar os momentos de felicidade.

En suma, Europa Express permite ao lectorado percorrer, no presente e mesmo dez anos atrás, cidades europeas e sentirse un narrador testigo e ás veces omnisciente que enche baleiros da trama respecto á actitude de Xacobe.

margramanet2004@yahoo.es

AS palabras voadoras para a infancia do Mésseder

Oquinto volume publicado por Tropelias&Companhia dentro da colección "Vozes e rostos da literatura infantojuvenil portuguesa", do mesmo xeito que aconteceu cos anteriores (dedicados aos escritores Vergílio Alberto Vieira, Luísa Ducla Soares, Manuel António Pina e António Mota), pretende dar a coñecer a obra do escritor portugués João Pedro Mésseder, pseudónimo literario que agocha a identidade do profesor José Antonio Gomes. Ambos os dous coordinadores, a profesora Sara Reis da Silva e o escritor e investigador João Manuel Ribeiro, asinan a nota introdutoria onde falan do contido do estudo e do evento ao redor da produción do autor de Trocar as voltas ao Tempo (2008) que motivou a realización do devandito libro. De certo, o propio título, A escrita para a infância de João Pedro Mésseder ou como trocar as voltas ao silêncio (2015), fai referencia á extensa produción literaria dun escritor que xa posúe un relevante lugar na historia da literatura portuguesa para a infancia e xuventude.

A monografía artéllase ao redor de catro apartados: "Estudos", "Escritas", "Na primeira persoa" e "Ficha biobibliográfica". O primeiro recolle achegamentos teóricos de ambos os dous coordinadores, aos que se suman as voces das investigadoras Blanca-Ana Roig Rechou e Ana Margarida Ramos, artífices tamén da entrevista ao propio Mésseder que se recolle nun apartado posterior. Ao fin, esta obra ofrece a posibilidade ao lector de coñecer máis de preto a persoa tras o escritor, amigo e compañeiro doutros escritores que lle dedican unhas liñas, as cales se complementan coas testemuñas recollidas do editor José Oliveira e a ilustradora Ana Biscaia, falando da relación persoal e profesional co autor. Porén, non é esta monografía unha simple aproximación á figura do escritor João Pedro Mésseder, senón que abarca un completo achegamento desde distintos ámbitos a tan relevante figura da Literatura Infantil e Xuvenil portuguesa en ambas as facetas, profesional e persoal. Expertos, compañeiros de profesión e ante todo amigos fan honra a este intelectual dun xeito metódico, aínda sen ser demasiado extenso. De ter que elixir unha frase que recolla o espírito da propia obra e o sentimento que fai nacer no lector (identificándoo como amante da Literatura Infantil e Xuvenil ou, polo menos, con curiosidade por descubrila), é coa que João Manuel Ribeiro remata a súa achega: "Obrigado, João Pedro Mésseder".

rociopedreira@outlook.es

TESTEMUÑO ÍNTIMO DE ANA fRANK SOBRE O HOLOCAUSTO NAZI

O pasado ano Kalandraka Editora, can do se celebraba o setenta aniversario do final da Segunda Guerra Mundial, sacou do prelo con tradución de Tomás - Ruibal Diario de Ana Frank, obra emblemática da denominada literatura do holocausto, testemuño da guerra e da mostruosidade do fascismo. Esta edición renovada prescinde das suxestivas e evocadoras fotografías artísticas, que Andrés Pinal realizara para a primeira edición en galego en 2004, e enriquécese con moitas pasaxes inéditas. Trátase do diario persoal dunha adolescente xudía que relata as súas vivencias durante os máis de dous anos que permaneceu agochada en Ámsterdam, xunto con sete persoas máis, na chamada “casa de atrás”, no edificio da empresa do pai, para evitar seren enviados aos campos de concentración nazis. Iníciase o 12 de xullo de 1942 e abrangue ata o 1 de agosto de 1944, cando unha patrulla da Gestapo os descobre e envia ao campo de concentración de Auschwitz. Ana Frank relata en primeira persoa, dunha maneira espontánea e natural cunha ollada primeiro inocente pero cada vez máis crítica e adulta, a realidade cotiá que a rodea: normas de conduta, prohibicións, tarefas domésticas, pasatempos, estudos, actividades de ocio... O lector asiste ao proceso de madureza da adolescente (descubrimento do seu corpo, da sexualidade e do sentimento de amor), á relación problemá- tica coas persoas que compartiu a reclusión (o distanciamento emocional con súa nai e as discusións coa familia Van Pels e co dentista Alfred Dussel) e á realidade histórica, social e política (a invasión alemá de Holanda, as medidas antisemitas, o xenocidio, os bombardeos, as técnicas intimidatorias e disuasorias, o avance dos aliados...), rebelándose contra das inxustizas. Tamén teñen cabida reflexións sobre cuestións máis universais, como é a consideración da muller ao longo da historia ou as referencias ao labor da escrita. Unha historia de angustia, tristura e medo atemporal e sincera, mais tamén cargada de esperanza, de optimismo, do desexo de ir cara adiante e de superar a adversidade que, desde a súa primeira edición en 1947, ten sido traducida a máis de setenta linguas e adaptada ao teatro e cinema, converténdose na obra holandesa máis traducida de todos os tempos.

verinesa@yahoo.es