El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Sobre a filla da nova parella do irmán da exmuller do pai

ROCÍO GARCÍA. USC/ELOS  | 22.01.2017 
A- A+

Hércules de Ediciones vén de publicar na súa colección "Preparados, listos... xa!" a tradución ao galego do álbum ilustrado Alles Familie! (Klett Kinderbuch, 2010), gañador do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil de Alemaña 2011 na categoría de non ficción. A escritora Alexandra Maxeiner (Alemaña, 1971), autora desde o 2002 de obras, guións de televisión e comedias radiofónicas para o público infantil e adulto, e a ilustradora Anke Kuhl (Frankfurt, Alemaña, 1970), gañadora, entre outros, do Premio Eulenspiegel ao álbum ilustrado, abordan, mediante grandes doses de humor, un tema de actualidade nun libro que fará as delicias dos máis pequenos da casa.

En familia!, título que recibe a versión galega, traducida por Rosa Marta Gómez Pato, achega o público infantil aos novos modelos de familia, como xa adianta o seu xenial subtítulo: "Sobre a filla da nova parella do irmán da exmuller do pai e outros parentes". As autoras realizan un percorrido desde as familias tradicionais e numerosas do pasado ata as denominadas "familias patchwork", formadas de diferentes retallos doutras familias, pasando por outros moitos modelos que inclúen a adopción e a acollida, a orfandade ou a homosexualidade e que teñen como elemento común seren un espazo de protección, comprensión e apoio para os seus membros. Xunto ás distintas tipoloxías familiares, abórdanse aspectos como as diferenzas nos costumes de cada familia e nas formas de tratamento entre pais e fillos ou a herdanza de trazos físicos. Hai moitos acertos neste álbum, entre eles, a alusión ao maltrato infantil e o novo papel da madrasta, en contraposición ao rol negativo que representa nos contos populares. Complétase con ilustracións sinxelas que, seguindo o estilo das viñetas, incorporan abundantes globos con diálogos. Ademais no final inclúese un espazo para que os lectores fagan o perfil da súa familia.

O resultado é un álbum ameno cunha palpable utilidade didáctica, que permite tratar contidos como as relacións de parentesco ou o vocabulario da familia e que, sobre todo, invita á reflexión e ao diálogo, o que o converte nun imprescindible nas bibliotecas dos centros de ensino. Sen dúbida, unha obra que paga a pena que os máis cativos lean e que transmite unha mensaxe central: non importa como sexa a familia, o único importante é o amor.