El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Fermosa alfaia das verbas

Reflexión sobre a importancia da imaxinación

Xosé González Barreiro e capa de ‘O rato avó e muraño’
Xosé González Barreiro e capa de ‘O rato avó e muraño’

VERÓNICA POUSADA PARDO  | 07.08.2016 
A- A+

Publicada por Edicións Xerais de Galicia dentro da colección Merlín, chegou en 2015 ás librarías galegas O rato avó e o muraño, última obra de Oli, pseudónimo de Xosé Manuel González Barreiro (Cangas do Morrazo, 1961), mestre de Primaria, tradutor, escritor e especialista en Literatura Infantil e Xuvenil. Este libro conta coas ilustracións do polifacético Ramón Trigo (Vigo, 1965), merecedor de galardóns tan notables como o Premio Nacional Lazarillo.

Os protagonistas do relato son dous inseparables roedores, o rato Benxamín e o muraño Rosendo. Os seus días xuntos están cargados de ledicia e aventura, xogando a escalar montañas e a explorar bosques misteriosos. Os pais do muraño teñen que traballar ata moi tarde e por iso Rosendo pasa moito tempo na casa do seu amigo. Alí é onde o avó lles conta historias de ratos atrevidos, donicelas torpes e musarañas intelixentes. Os cativos séntense felices transportados polas súas palabras e deixan voar por completo a imaxinación. Pero entón, algo muda. Rosendo comeza a sentir un desacougo interior.

Narrado en terceira persoa, o conto presenta os medos e soños dun neno que comeza a reflexionar sobre algúns aspectos da súa vida que ata ese momento non lle suscitaran ningunha curiosidade. A descuberta do mundo, a importancia da imaxinación e a sabedoría dos maiores xogan un papel esencial nesta historia. Resulta abraiante a estratexia do autor, capaz de amosar con sutileza unha realidade cruel para a infancia. Rosendo, desde o seu leito, sente as voces dos pais a berrar e o desacougo medra. Un oco, semellante a un baleiro sen fin, emerxe desde o fondo da súa alma. Como contrapunto, a imaxinación espállase polo relato, trasladando o protagonista a un mundo no que as historias do rato avó semellan realidade e permitíndolle afastarse dos problemas cotiáns. As preocupacións do muraño Rosendo aparecen representadas mediante pesadelos nos que o cativo reflicte os conflitos que vive no seu día a día. Cabe destacar a presenza dalgunhas palabras "chave" en maiúsculas e as ilustracións que mesturan realidade e fantasía con dozura e delicadeza.

O rato avó e o muraño é un emotivo volume, no que as páxinas condensan complexas reflexións e sentimentos. O valor da amizade, a importancia dos avós e a necesidade da imaxinación no proceso de crecemento e formación, como axuda para sobrepoñerse ás adversidades da vida, impregnan por completo o texto.

pousadascr@gmail.com