El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

tribuna libre

Eu non o faría

JUAN CARLOS PIÑEIRO DOCAMPO  | 24.09.2017 
A- A+

Teño moi presente o día en que miña Nai me fixo entrega dun sobre cheo de papeis, eran de cor verde e grampados, antigos e mecanografados, era a acta dun Xuízo de Guerra do terzo norte da Garda Civil contra os Carabineiros que organizaron a defensa da vila de Ribadeo nas datas seguintes ó 18 de xullo do 1936 (dito documento está depositado na Fundación Luís Tilve, para súa conservación e custodia). Un dos procesados era meu avó Manuel Docampo.

Axiña caín na conta das expresións que se usaban: "Traición", "Glorioso Día de la madre patria España", "alzamiento nacional por la gracia del Señor", "cobardía" "unidad Nacional"... As condenas eran a cárcere e á pena de morte en dous casos. Para que dicir que aquel proceso foi sen defensa e sen garantías. Así se instalou o fascismo de Franco, o "dono" do Pazo de Meirás.

Por iso, en memoria xa non só de tódalas vítimas do franquismo, senón que tamén por respecto ás que figuran en dito escrito, lembro tódolos nomes, eu nunca partillaría debate cunha persoa que defenda e dea parabéns ó réxime fascista de Franco, non existe Pazo que o mereza. Considero que é darlle unha condición de normalidade que non debera ter, a Fundación Franco é de por si un despropósito e unha falla de respecto a moita xente, que so é posible no Estado español.

Hai alguén que pense que a Fundación Francisco Franco pode ser un interlocutor válido? Coido que non. Non deixa de ser unha incoherencia que se proceda a debater con aqueles que durante 40 anos secuestraron o debate, que censuraban as reunións da xente e que controlaban en tódolos niveis os movementos das persoas, para preservar a "grandeza" do seu líder. Eu nunca mantería un debate con quen non cree no debate, como aconteceu o sábado nunha cadea estatal, iso é enganar á xente. Máis forza ten para min esta postura cando estou nunha organización política que sempre foi apartada do dereito ó debate.

Non poño en dúbida a lexitimidade da acción política de reclamar o que é do pobo, está claro que o Pazo de Meirás ten que ser das persoas que sentimos Galicia, eu tamén berro moitas veces pola liberdade roubada a meu avó e os seus compañeiros carabineiros, a dous deles incluso a vida. O problema é cando a acción partidaria perde o fondo e lexitima pasivamente a estes individuos entrando no xogo do "Prime Time" para dar a coñecer unha "Fundación" que moitos ignoraban e que doutro xeito non estaría na palestra con dereitos que eles non creen.

Por suposto opino que Meirás ten que ser patrimonio de Galicia de carácter público, iso non esta en dúbida, iso é de recibo.

Entendo tamén a búsquea de "efectos" como arma política, os minutos de televisión son caros, seino ben. Pero coido que estes minutos foron caros de máis polo retroceso que se produce dando normalidade a unha posición que non debe tela, ollo pois ós "efectos boomerang".

 

(*) O autor é secretario xeral de CxG