El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

tribuna libre

A envexa! Esa doenza, que só padecen outros...

XOSÉ ANTONIO GRELA  | 08.01.2017 
A- A+

Dicía o poeta maldito, Charles Baudelaire, en Le joeur généreux: «la plus belle des ruses du diable est de vous persuader qu'il n'existe pas!» (a máis bela astucia do demo está en persuadirvos de que non existe). Se hai un mito verosímil na Biblia, ese é o fratricidio de Caín a Abel. A envexa como sentimento destrutor e carroñeiro consome e apodrece por dentro ao home que non entende os éxitos, a bondade, o amor ou os recoñecementos do outro e, que ben pode sufrirse en silencio ou dar un paso máis nun intento por eliminala, boicoteando ou destruíndo a quen a provoca. Se a isto unimos a mentira: «Onde está teu irmán? e el respondeu: - Non o sei!, acaso son eu o gardián de meu irmán?» teremos dado coa xénese do mal no corazón humano. A mentira necesita de sucesivas mentiras para continuar salvagardada, mentres que a verdade só precisa dun único intento e voz para ser declarada, sen necesidade de matizacións nin engadidos posteriores.

San Pedro Crisólogo soubo explicar como ninguén este sentimento: «O zeli tumor, duos non capit domus ampla germanos! (...) Fecit invidia, fecit ut mundi tota duobus esset angusta fratribus latitudo...» (Inchazo da cobiza!, nunha casa tan grande non caben dous irmáns! Fixo a envexa que toda a latitude e espazos do mundo quedasen pequenos para dous irmáns...) Quevedo, inspirado neste sermón, adicou un soneto a Caín, uns versos do seu «sermón estoico» e un capítulo enteiro en Virtud militante contra las cuatro pestes del mundo, envidia, ingratitud, soberbia y avaricia. Pero hai outras perícopes neotestamentarias, por todos coñecidas, que serven tamén para explicar esta doenza, por exemplo, a «parábola do fillo estragador». Nela, o fillo maior, verdadeiro protagonista, non entende a festa dada por seu pai, non comparte a alegría e amor para co seu outro irmán, porque ao igual que Caín, a súa zuna cégao: «Tantos anos como levo servíndote sen che faltar nunca en nada, e nunca un cabrito me deches para troulear cos meus amigos; e agora resulta que vén ese teu fillo, que queimou os teus bens con mulleres de mala vida, e matas o cuxo cebado». E xorde a pregunta: con quen nos posicionamos case todos nesta historia? coa "inxustiza" que padece o irmán maior? Non é necesario chegar ao sangue para testemuñar os estigmas da envexa. Abonda con mirar ao noso arredor, observar o reparto do patrimonio nas herdanzas, a competitividade laboral, as continuas comparanzas que facemos, o poder transformador desta Señora dos aneis en cada «Gollum humano»... para caer na conta de cal é a defensa argumentativa: -«Eu non son parvo! Teño que defender os meus dereitos! Non estou reclamando nada que non sexa xusto!». Porque en aras da xustiza, tamén protestaron os xornaleiros da viña que cobraban un denario pola xeira, cando se enteraron de que outros gañaban o mesmo, traballando menos. Pero, non se preocupe, a envexa é un mal que nunca se recoñece, é unha doenza que sempre padecen outros; estamos vacinados contra ela porque, como Deus e mailo demo xa non existen, somos inmunes por natureza. Se por casualidade se topase vostede cun espírito libre de envexa, deses que a xente toma por inxenuos e parvos, poida que tivera o privilexio de teres coñecido a un anxo.

A nómina de autores que a denunciaron é moi numerosa. Foi un topoi moi recorrente na Patrística, onde o Crisólogo foi un dos mellores fiscais. No ámbito profano, dende Aristóteles ata Unamuno tense falado, e moito! sobre ela, pero é obrigado subliñar, ademais do maxistral Ovidio no libro II das súas Metamorfoses, onde describe a súa morada, a Plutarco. No libro VIII dos seus Moralia ensina sobre como gabarse sen espertala, diferenciándoa do odio; porque, segundo el é unha doenza exclusiva dos homes e allea aos animais, e o que é máis importante: a súa causa non pode atribuírse á inxustiza. Negamos sufrila e, no caso de que se nos acuse de padecer esta sarna da alma, pretextamos innumerables escusas. Conforme a este historiador e filósofo grego: «Do infortunado ninguén sente envexa». Esta aseveración semella unha realidade facilmente aprehensible, máis que a máxima dun sofista anónimo citado por el: «os envexosos senten maior pracer ao apiadarse». Nesta, confeso que cheguei a unha conclusión contraria, moi semellante a de Santo Tomé: «o envexoso non ten piedade, así como o piadoso carece de envexa». Tamén foron moi didácticos os famosos emblemas dos Séculos de Ouro, onde a envexa se personifica nunha vella con serpes sobre a cabeza ou saíndolle da boca.

Pero, de todos cantos falaron dela, quédome con Horacio, o que máis carga poética condensa nun só verso: «Invidiam placare paras virtute relicta?» (Fuxindo da virtude, pensas aplacar a envexa?)

 

(*) O autor é profesor de Secundaria