El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Emílio, de Tomi Ungerer: outro admirable excéntrico

SARA REIS DA SILVA. UMINHO (BRAGA)/ELOS/LIJMI  | 05.12.2016 
A- A+

Entre 1958 e 1966, o escritor e ilustrador Tomi Ungerer (Estrasburgo, 1931) compón un ciclo de cinco narrativas, un pequeno “bestiario” de animais pouco comúns na literatura infantil, que evidencia fortes resonancias da fabulística tradicional: Crictor, a cobra; Adelaida, a canguro; Emilio, o polbo; Rufus, o morcego; e Orlando, o voitre.
O terceiro volume, Emilio, orixinalmente editado en 1960 e que agora recupera Kalandraka Editora en castelán, galego, catalán e portugués, narra a(s) aventura(s) dun animal máis humano ca moitos humanos. Heroe sui generis, como os seus antecesores, este nobre polbo non dubida en aproximarse a un mergullador en perigo e facer unha especial amizade con el. A acción principia cun salvamento concretado por este “polbo con bo corazón” que pasou a vivir co seu novo amigo. Mais as saudades do océano eran moitas e, un día, Emilio decidiu traballar como nadador-salvador. Pode así espallar a súa bondade, ensinando ás crianzas a nadar, evitando afogamentos, divertindo, coas súas múltiples transformacións corporais, os que frecuentan a praia. Os seus xestos atentos e xenerosos axudan á policía a descubrir un cuadrilla de contrabandistas. Destemido, Emilio actúa de forma determinante para a resolución positiva do caso e, polo tanto, para a vitoria do ben sobre o mal. Cumprida a misión, regresa ao seu espazo natal, non sen antes ser homenaxeado polos seus amigos humanos.

Cunha arquitectura diexética bastante lineal, a narrativa conta cun discurso verbal moi directo, un léxico accesible e unha sintaxe simple. Nun rexistro vivo e dinámico, en consonancia co enredo e coas aventuras que o sustentan, a historia prende pola emoción e tamén polo cómico.    

A composición visual, elegante e simple nos trazos e as cores (case en exclusiva, verdes e ocres), salienta tamén polos pormenores. Os múltiples detalles que a distinguen amplían aspectos relativos ao espazo ou aos escenarios, tamén á caracterización dos personaxes, ademais de engadir ao texto sutís notas de humor.

Emílio é un exemplo de como a literatura para a infancia pode ficcionalizar, con orixinalidade e sen moralismos, tópicos tan relevantes como a solidariedade e a gratitude. Sen dúbida, un clásico imprescindible garantizado.

 sara_silva@ie.uminho.pt