El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Eco-guerreiros para salvar o mundo

GIULIA VEZZARO  | 18.02.2018 
A- A+

Para construir un mundo e un futuro mellor para que os nosos fillos e netos poidan disfrutar dos moitos praceres que proceden da natureza, como un paseo polo bosque ou un anoitecer na praia, é fundamental que tanto adultos coma nenos desenvolvamos certa sensibilidade cara ao tema da ecoloxía. Precisamente isto é o que pretendeu o poeta, escritor e profesor portugués João Manuel Ribeiro (1968) cando no 2012 publicou a obra titulada O Señor Péssimo é o Máximo, baixo o selo editorial Trinta por uma linha con ilustracións de Anabela Dias, unha historia que, dez anos despois, desencadéase a partir do desastre producido, na costa galega, polo afundimento do Prestige para sensibilizarnos cara ao futuro.

Tras cinco anos, e coincidindo co décimo quinto aniversario da catástrofe, a pequena novela foi traducida ao galego con mimo e profesionalidade por Ánxela Gracián (tamén creadora), publicada agora na editorial Hércules de Ediciones na súa colección “Novas lecturas de Hércules”.

A familia do señor Pésimo, composta pola súa muller e dous fillos, está disfrutando duns días de vacacións na preciosa costa galega. O afundimento do buque Prestige desencadea un profundo cambio interior no pai que se envorcará por completo no labor de intentar cambiar e salvar o mundo, conseguindo arrastrar a toda a familia na súa renovada sensibilidade e entrega, chegando a ser recoñecido por O Máximo.

A historia, narrada desde o punto de vista do fillo menor, non se limita a unha simple acumulación de consellos ecolóxicos, senón que quere, recorrendo ao humor (conseguido sobre todo a través das dúbidas da nai e os comentarios da filla) e a un ritmo narrativo que nada ten de aburrido, achegarnos á autoconciencia e converternos en verdadeiros eco-guerreiros cuxa loita xorda do corazón e da intelixencia. Se dun lado o corazón nos volve máis sensibles e atentos a todo o que nos rodea, do outro a intelixencia fai que non lle deamos demasiada importancia ás dificultades (neste caso á opinión da sociedade do consumo e á perda das comodidades) e consigamos a forza necesaria no apoio dos demáis e nos logros obtidos.

A elección de Bolota, ilustrador da edición galega e castelá, das cores brancas e negras é chamativa posto que podería relacionarse co contraste entre a marea negra vertida no mar polo Prestige, e a marea branca dos moitos voluntarios que chegaron de todas partes para axudar nese tráxico momento.