El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

LITERATURA INFANTIL E XUVENIL

O eco das palabras e a música na biblioteca

BLANCA ANA ROIG RECHOU. USC-ICE  | 09.07.2017 
A- A+

José António Gomes, profesor e investigador portugués sempre disposto a compartir o seu saber con docentes e investigadores galegos e do mundo, publicou a monografía A música das palavras (Tropelias&Companhia, 2017), editada en "Percursos da Literatura Infanto-Juvenil", colección imprescindible para os estudiosos por tratar temáticas que o mediador (lexisladores, docentes, bibliotecarios) precisa coñecer, pezas básicas, aínda que non as únicas, do edificio que acolle a formación literaria desde á nenez, para poder planificar con éxito a educación literaria.

Na obra, despois da "Nota previa" onde Paulo Costa (valedor do Pelouro da Cultura) comenta a importancia que tén a Biblioteca do Ílhavo (BMI) polas súas actividades en prol da lectura, acóllense, por unha banda, os relatorios que José António Gomes compartiu cos asistentes nos anos que se homenaxearon a clásicos da LIX portuguesa, nunha conxunción do literario, o visual e o musical; e, por outra, unha entrevista con João Pedro Mésseder e unha reportaxe fotográfica dos actos.

Os autores sobre os que o profesor Gomes ofreceu as súas reflexións foron: Sidónio Muralha, Matilde Rosa Araújo, Eugénio de Andrade, Luísa Ducla Soares e Manuel António Pina. De todos eles ofrece unha breve biografía, un comentario da súa obra, as chaves da súa poética, exemplificado con textos dos propios autores, para rematar cunha bibliografía básica para achegarse a eles. Un tipo de traballo moi necesario para a formación dos mediadores e tamén para que os máis novos vexan o que é o saber, a reflexión, o pensamento. Verdadeiras alfaias, nas que se palpa, se observa, se presenta non só a man do docente e investigador senón tamén do creador, do escritor literario.

Parabéns a todos os que fixeron posible este traballo polas ensinanzas compartidas que servirán de exemplo a todo tipo de mediador entre o libro e a lectura, tan precisos de formación, coñecementos, ideas... para que o hábito lector se instale na sociedade actual atenta de máis a outro tipo de distracións, esquecendo os beneficios da lectura literaria. Unha obra básica que sobarda os límites da promoción da lectura para adentrarse na formación e información con ferramentas do investigador, do crítico, do educador.

blanca.roig@usc.es