El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

{tribuna libre}

O día do pai

XOSÉ ANTONIO GRELA  | 19.03.2017 
A- A+

Acostumados, neste noso tempo, a ter un día para cada cousa, semella que nada ten valor se non ten unha efeméride que sexa quen de lembralo. As relacións entre pais e fillos veñen de vello: do deus Saturno, de Dédalo, de Laio, da Biblia, do dereito romano, dos exempla medievais, da psicoloxía, do código civil ou penal... non vamos a entrar no que debe ser un bo ou mal pai en correspondenza cun bo ou mal fillo, iso queda para a reflexión privada de cada un que, abofé, non precisa de ningún Patronio, sobre todo, se goza de saúde. Teñen quedado frases para a posteridade na historia, algunhas facilmente recoñecibles: - Ti tamén, fillo meu? outras, necesitadas dun pouco de axuda interestelar: - Eu son teu pai!, ou dun pouco de cultura bíblica: - Vive aínda meu pai? Noutro soporte, un atinado spot dunha coñecida marca de supermercardos alemana, un pai finxe a súa propia morte para poder reunir a todos os seus fillos, sabedor das desculpas de cada un. Pero, desde cando se institucionalizou este día?

A tradición non ten unha orixe sacra, como puidera parecer. Tampouco se celebra o mesmo día a un lado e outro do Atlántico. O terceiro domingo de xuño é a data elixida na maior parte do continente americano, a partires da primixenia idea de Sonora Smart Dodd, unha filla que quixo agradecer a sacrificada vida de seu proxenitor, tras quedar orfa de nai, na primeira década do século pasado. Dous presidentes estadounidenses, Calvin Coolidge e Lyndon John marcaron a celebración nacional e a data oficial respectivamente. En España, xunto con algúns países americanos e europeos conmemórase, como vostedes ben saben, o 19 de marzo. Pero, se non debemos á tradición relixiosa esta festa, de onde e a quen debemos o honor da mesma? Pois, a unha monxa e mestra da escola Santo Anxo, na Dehesa de la Villa, Madrid. Dona Manuela Vicente Ferrero acostumaba a traballar coas súas alumnas unha actividade para o día da nai, que pola época se viña celebrando cada 8 de decembro, con motivo da Inmaculada Concepción. Presentes artesáns, cos que as nenas sorprendían e agasallaban as súas nais. Aínda non existían as ANPAS, cando as queixas dalgúns pais, documentadas na hemeroteca, non se fixeron esperar: «Usted sólo prepara regalos para nuestras esposas, pero no entiende que los padres queremos a nuestros hijos, ¡también nos merecemos algún detallito!» Celosos pola discriminación, ao seu xuízo manifesta, as demandas foron atendidas debidamente pola mestra, que elexiu un día para a súa causa. As conviccións relixiosas, agora si, foron as causantes da escolla. A onomástica de San Xosé non ofrecía lugar a dúbidas. Aquela primeira celebración, o 19 de marzo de 1948, contou coa misa de rigor e un festival en plena regra. A idea non caeu en saco roto. Diversos rotativos e Radio Nacional fixéronse eco desta iniciativa. Una cadea de Grandes Almacéns puxo o resto. Dona Manuela non quixo nada para si, pero durante máis de quince anos as alumnas que ían graduándose na escola tiñan preferencia de contratación nesta firma comercial, aínda en activo. En 1953, xa contou cunha publicidade mediática en prensa e radio: «Tras el Día de la Madre ¡el Día del Padre! Bella iniciativa de la culta maestra y escritora..."Honrar padre y madre" señala el cuarto mandamiento... Galerías Preciados y el Anexo dedican sus escaparates al Día del Padre en la festividad de San José...». Nunha entrevista concedida o 19 de marzo de 1996, cando contaba con 92 anos, revela a nostalxia e a pureza dun momento máxico, nacido entre as tarefas cotiás dunha escola: «Había tres hermanas cuyo padre nunca venía por la escuela. Una de ellas, de 7 años, estaba triste porque no podía regalarle nada. Yo escribí un poema que hablaba de una niña pobre que no tenía dinero, pero que ofrecía a su padre todo su amor (...) Conseguí que vinieran los padres a la entrega de regalos que se hacía en la escuela. Supe, después, que el padre había estado en la zona republicana y que, por eso, no quería saber nada de mí, que había estado en la nacional (...) Padre e hija se fundieron en un abrazo y, cuando terminó el acto, los padres se acercaron a mí y se quisieron arrodillar para agradecérmelo. Su esposa dijo que aquel hombre no había llorado nunca, ni siquiera en la muerte de su madre».

Unha historia interesante, que marcou a xénese dunha tendencia imparable. E como ben dixo Virxilio, que era lícito comparar as cousas pequenas coas grandes: si parva licet componere magnis, (Georg. IV, 176), en comparanza ao traballo das abellas co dos cíclopes, aí teñen vostedes como dun pequeno xermolo, prendido nunha pequena escola, xorde todo un Polifemo comercial. Non quixera rematar este percorrido sen facer alusión a outro soporte, o musical. Unha coñecida ópera de Giuseppe Verdi, I masnadieri (1847), está inspirada na homónima traxedia do alemán, Friedrich von Shiller, Die Räuber, (Os bandidos, 1781). Non deixa de resultar marabilloso, que neste drama entre un pai e dous fillos, o máis perverso e hipócrita, Franz, pronuncie estas inquietantes palabras coas que me despido: «Nicht Fleisch und Blut, das Herz macht uns zu Vätern und Söhnen» (Non é a carne e o sangue, senón o corazón, o que nos fai pais e fillos).

(*) O autor é profesor de Ensino Secundario