El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

A desobediencia construtiva do touro Ferdinando

R. GARCÍA PEDREIRA. USC/ELOS  | 12.06.2016 
A- A+

Unha tarde de 1935, Munro Leaf (Hamilton, 1905-1976) propúxose escribir un conto para que o seu amigo Robert Lawson (New York, 1892-1957) o ilustrara. Nunha hora a historia estaba lista e ao ano seguinte publicada, dando lugar ao nacemento dun clásico da Literatura Infantil e Xuvenil que Kalandraka Editora recupera en formato álbum, conservando as ilustracións orixinais e traducido ao galego por Xesús Fraga. Desde os seus inicios, A historia do touro Ferdinando estivo unida á polémica: criticada por uns e enxalzada por outros. En España, en plena Guerra Civil, a historia dun touro pacifista que, coa súa desobediencia ás normas establecidas, transmitía unha mensaxe antibélica moi perigosa para os que avogaban pola guerra, non puido evitar ser censurada.
O álbum conta a historia de Ferdinando, un peculiar xato que gozaba ulindo o recendo das flores á sombra da súa árbore favorita, mentres o resto de xatos que vivían con el pelexaban e turraban uns cos outros soñando con participar nunha corrida de touros. Xa convertidos en grandes e rexos touros, reciben a visita duns homes que buscaban reses para unha corrida en Madrid na que Ferdinando non estaba interesado, mais a mala sorte fai que o touro se sente sobre un abellón que, coa súa picadura, o fai tolear. Os homes quedan abraiados da ferocidade que mostra o animal e non dubidan en levalo deica Madrid. Chegado o día, para sorpresa dos asistentes, Ferdinando non mostra ningún interese por participar na corrida e devólveno ao seu fogar á tranquila vida que tanto amaba.
A historia engaiolante de Ferdinando acompáñase das ilustracións naturalistas en branco e negro de Robert Lawson, cuxo minimalismo contrasta coa cor vermella empregada nas cubertas do libro. Para algúns é unha crítica á barbarie en contra dos animais, para outros un canto á paz; hai quen a interpreta como unha mostra da loita interior entre razón e instinto que como seres humanos nos é propia e incluso se fala da obra como unha chamada á rebelión da xente de a pé, quen non provocan as guerras, pero si quen máis as sofren e padecen por culpa dos intereses particulares duns poucos.
De certo, Kalandraka propón desta volta unha lectura curta, rápida e áxil, que deixará unha marca permanente en todas as persoas que decidan aceptar o reto de coñecer ao touro que escolleu como quería vivir a súa vida, contrariando aos que xa tiñan decidido cal debía ser o seu fado.