El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Cinco minutos de paz

ANA MARGARIDA RAMOS. UAVEIRO/ELOS   | 02.10.2016 
A- A+

Jill Murphy (Londres, 1949) é unha autora e ilustradora inglesa de libros infantís, que ten sido finalista de premios prestixiosos como o Children's Book Awarded ou o Kate Greenaway Medal. Recibiu o premio Parents Magazine Best Books for Babies en 1987, co libro Cinco Minutos de Paz, e The Nast Noo-Noo foi distinguido co Smarties Prize en 1995, o Sheffield Children's Book Award en 1996 e o Gateshead Gold Award tamén en 1996. Cunha produción literaria abundante, sobre todo no ámbito da narrativa ilustrada, é coñecida polas series The Worst Witch e The Large Family, esta última inaugurada en 1986 coa publicación de Cinco Minutos de Paz, volume que celebra agora o seu 30º aniversario e que recupera Kalandraka Editora na colección "Tras os Montes", traducido ao galego por Sandra e Óscar Senra Gómez. A colección, que conta con once títulos, o máis recente publicado no ano 2009, coñeceu un gran éxito mundial e foi adaptado para a televisión.

Nas historias que se centran no universo cotián dunha família de elefantes, os pais e as súas tres crias, exploran as afinidades e similitudes coas rutinas e os comportamentos humanos, que son traspasados, con graza e humor, aos divertidos personaxes dos libros da colección. O volume inaugural das aventuras da "Família Grande" dá conta da relación próxima que as crianzas desenvolven coa nai, acompañándoa a todos os lados e non lle dando sequera Cinco Minutos de Paz. A necesidade de atención, de compañía e de afectos das pequenas crías xera distintas situacións, facilmente recoñecibles por parte dos pequenos lectores que se identifican cos protagonistas. Mais os pais, ou, neste caso, as nais, tamén encontran aquí motivos de recoñecemento e identificación, o que abre considerablemente o espectro de lecturas (e de lectores!) desta narrativa que capta de forma precisa un desexo practicamente imposible de todos os pais, uns breves momentos de silencio e sosego.

O universo familiar, as súas rutinas e a busca constante de equilíbrios son algunhas das liñas de forza dun texto que conta cunha compoñente ilustrativa cautivante, sobre todo pola proximidade co texto e pola expresividade da cor e das formas seleccionadas. As imaxes xorden en todas as páxinas e esténdense ás gardas, evocando momentos centrais da acción, creando escenarios e construindo visualmente os personaxes, completando a narrativa verbal e subliñando os pormenores cómicos.

anamargarida@ua.pt