El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Elos de lectura

'Ceiba de Luz', de Manuel Lourenzo González

GIULIA VEZZARO LITER21-USC   | 15.04.2018 
A- A+

Os vellos misterios e as lendas máis antigas sempre souberon cativar aos homes polas máis distintas razóns: avaricia, desexo de riqueza ou éxito, afán de coñecemento, necesidade de saber que hai algo máis grande e poderoso que o ser humano ou simple curiosidade. Sempre existe algunha razón que nos empurra á aventura para achar o que o mundo nos oculta.

Destes e doutros temas trata a derradeira obra do profesor e escritor Manuel Lourenzo González (Vilaboa, 1955), titulada Ceiba de Luz (Xerais, 2017) publicada na colección xuvenil "Fóra de Xogo", e coa que obtivo o Premio Jules Verne, que se sumou a outros na súa polifacética traxectoria como, por exemplo, o Facho en 1990, o Premio Xerais en 2008 e o Premio Blanco Amor en 2011. A historia conta a aventura dun grupo de dezaoito persoas entre españolas e peruanas, todas eminencias recoñecidas nos seus campos científicos que, despois do descubrimento dunha pequena estatua de ouro macizo con características precolombinas, organiza unha expedición á selva amazónica durante dous meses que lles levará a achar a lendaria El Dorado. Á ambientación latinoamericana débese parte do título, pois a ceiba é unha das plantas autóctonas do Amazonas, considerada sagrada por moitas tribos da zona.

A narración desenvólvese de maneira lineal (coa excepción do segundo capítulo cunha analepse que dá a coñecer os dous anos de preparativos anteriores á expedición) e está guiada por un narrador extradiexético onmisciente que o ve e o sabe todo. Sorprende a cantidade de detalles relacionados coa historia, as tradicións e a natureza deses lugares, cos que o autor enche e fai aínda máis interesante a lectura, subliñando tamén a súa gran preparación. Ademais da excelencia do estilo narrativo, o que guía ao lector polas historias dos varios personaxes son eles mesmos a través duns diálogos dinámicos e moi ben estudados que axudan a coñecelos mellor, a entender o por que das súas relacións e reaccións.

As complicadas condicións da expedición, os roces entre compañeiros e os asasinatos que se producen durante os dous meses de convivencia levan o lectorado a gozar da historia e tamén a hipótese da existencia dun mito e de rituais máis antigos que o descubrimento da América cos que remata a obra.

Ceiba de Luz é, sen lugar a dúbidas, un dos libros de literatura xuvenil máis logrados do pasado ano porque sabe emocionar, marabillar e cativar tanto a adultos como a mozos desde as primeiras liñas.