El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Camiño cara ao Máis Alá

Esmeraldina é máis que a secuela de Escarlatina

ISABEL MOCIÑO. UVIGO/ELOS T  | 02.04.2017 
A- A+

Ledicia Costas (Vigo, 1979) debutou na Literatura Infantil e Xuvenil en 1999 coa novela xuvenil Unha estrela no vento (Xerais, 1999). Quince anos despois, mereceu o XXIX Premio Merlín de Literatura Infantil 2014 co relato Escarlatina, a cociñeira defunta (Xerais, 2014), recensionado por Eulalia Agrelo Costas nesta páxina o 12 de novembro de 2014. Este premio foi o primeiro doutros galardóns e recoñecementos, caso do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015 e da inclusión na prestixiosa Listaxe de Honra do IBBY en 2016.

O éxito do relato premiado entre o público (xa acadou a novena edición) e a crítica impulsou a produción literaria de Ledicia Costas e posibilitou darlle continuidade aos personaxes principais e secundarios, ás receitas gastronómicas, ao motivo literario da viaxe e á tenue distancia entre o Máis Acá e o Máis Alá, case dous anos despois, na secuela, Esmeraldina, a pequena defunta (Xerais, 2016), recoñecida co Premio Fervenzas 2016 ao Mellor Libro de Literatura Infantil e que xa acadou a cuarta edición.

Asimilar converterse nunha pantasma, tras a morte física, é o tema que vertebra a trama. Esmeraldina sofre un proceso de adaptación progresiva: primeiro, nega a súa morte e non se recoñece nos cambios paulatinos sufridos no seu corpo; despois, aprende as vantaxes de estar morta e de manter un contacto simbólico e próximo coa familia; e, finalmente, acepta viaxar cara ao Alén Mundo, cando a familia asimilou a súa perda.

A escolla do Hotel Fantastique, no medio do Salvaxe Oeste, como escenario da acción abre a trama aos referentes intertextuais coñecidos polo público a través da literatura e do cinema, e achega verosimilitude ao comportamento dos personaxes recén falecidos.

Se ben a neta protagoniza a secuela, a avoa chef A Tremenda mantense como un personaxe secundario pero de presenza ineludible para dar sentido á estrutura narrativa, ao desenvolvemento da trama e ao comportamento agarimoso da nena cara á súa familia e aos seus amigos. O manuscrito atopado do receitario reprodúcese, na secuela, ao final do relato para prestixiar o seu valor e a familia que respecta as ensinanzas tradicionais da avoa na cociña do Hotel Fantastique.

Esmeraldina, a pequena defunta caracterízase por un avance respecto á temática, o cambio do microespazo principal, a reivindicación de valores nos ámbitos da familia e dos amigos e a aposta por perder o medo á morte.

margramanet2004@yahoo.es