El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

ELOS DE LECTURA

A cacería, de A. Cobas

A conformación dun heroe e a loita pola estirpe

TEXTO VERÓNICA POUSADA PARDO. ELOS/CRPIH TEXTO EULALIA AGRELO. ELOS/CRPIH TEXTO BELÉN BOUZAS GORGAL.  | 18.09.2016 
A- A+

Tras a súa estrea no ámbito da Literatura Infantil e Xuvenil en lingua galega con As pantasmas sodes do que non hai (2007), o escritor, crítico e dinamizador cultural Amadeo Cobas (Noia, 1966) retoma o leitmotiv da viaxe para enfiar as aventuras recreadas en A cacería (Xerais, 2016), que foi recoñecida co V Premio Internacional de Novela Curta "Cidade Centenaria de Riveira".

O corpo narrativo desta novela épica articúlase en oito capítulos, que se esgazan en breves escenas carentes dunha fixación temporal e espacial. Non obstante, as referencias ao modus vivendi dos protagonistas trasládanos a unha época primitiva, na que homes e mulleres loitan pola supervivencia dos seus pobos. Unha contextualización que desprende certa frescura na produción máis recente da literatura galega para as primeiras idades, cuxas obras adoitan encadrarse na actualidade ou, de ollar cara ao pasado, deterse no período dos celtas polo seu vínculo co discurso nacional.

Sen concesións descritivas e mediante un ritmo áxil, a vibrante historia de A cacería seméllase a un filme de acción que arrastra o lector-espectador a cabalgar sobre a egua Tebra para darlle alentos a Zairo na viaxe física e íntima que emprende. Ao regresar dunha farturenta cacería, o rapaz e un grupo de montaraces homes descobren que o seu poboado foi arrasado polas sombras de Eztli. Para evitar o exterminio da súa estirpe, saen ao rescate das súas esposas e fillos convertidos en escravos. Así encomezan unha perigosa travesía, na que os superviventes procuran alianzas e tecen tácticas para acabar cos inimigos, á vez que agroman as tensións entre eles polas ansias de poder de Crótalo e Sphinx. Neste camiñar, Zairo, que tamén é o portador da voz narrativa, abandona a infancia e ten que demostrar a súa valía. Malia deixar aflorar os seus temores, actúa como un auténtico heroe e logra salvar a súa xente co apoio do seu proxenitor Tahiel e da amada Killari.

Neste relato de tinturas míticas entrecrúzanse, pois, os fíos do xénero da fantasía heroica e da novela de iniciación para facer agromar as facianas opostas que definiron a humanidade ao longo dos tempos. Fronte á violencia, a morte, a ambición e a mentira, érguense a fidelidade e o amor impulsados pola coraxe de Zairo e das valentes mulleres que o arrodean. Todo isto fai de A cacería unha lectura aconsellable para todas as idades e unha magnífica parábola da defensa da propia identidade.

eagrelo@yahoo.es

Enguedellando o fío da vida con fantasía

Vén de saír do prelo a tradución para o galego, realizada por Xosé Ballesteros, do álbum infantil O fío, de Gracia Iglesias (Madrid, 1977). Esta escritora, contacontos e actriz de dobraxe, galardoada en varias ocasións polas súas obras literarias, como e o caso do Gloria Fuertes 2001, o Premio Nacional de Poesía Fundación Miguel Hernández 2004 e o Premio Luna de Aire 2009, regresa á literatura da man de Kalandraka Editora, cun relato rimado, cargado de tenrura e humor, publicado na colección "Demademora".

Principia coa representación dunha reacción natural e cotiá que, pese a que sabemos que é un erro, todas e todos fixemos nalgún intre das nosas vidas: tirar dun fío que sobresae da roupa. O protagonista desta disparatada historia, caracterizada pola fluidez, decide turrar del con curiosidade, porén a situación enrédase dun xeito inesperado e sen retorno. Cando se decata do desatino e intenta deslearse do fío, descobre que, ademais de estar unido a toda a roupa, tamén forma parte de canto o rodea, como o sol, as nubes ou a fraga. Tirando e tirando dese fío case infinito descose as árbores e o ceo, ficando completamente canso. O volume conta coas ilustracións de Rosa Osuna (Segovia, 1961) que complementan a historia á perfección, engadindo dous personaxes esenciais que non aparecen no texto narrativo: un gato e un paxaro. O gato móstrase feliz por xogar co nobelo que se vai formando, mentres que o paxaro reflicte a preocupación pola situación na que se ve envolto e pola seguridade do seu niño. Os fondos de cores apagadas contrastan co cativo e co felino, cuxa cola semella o arco da vella.

Debido á sinxela natureza do relato e desde unha perspectiva actual e desenfadada, pódese considerar que a obra é unha inclusión da fantasía no ámbito diario, cuxa única intención é a de procurar a simpatía e o sorriso do público. Aínda así, hai unha mensaxe implícita relacionada co feito de que cando as persoas teñen un problema, en vez de resolvelo, tenden a complicalo máis e máis, enleando o fío. Os lectores experimentados, ante a imaxe dese fío que percorre todas as follas do álbum, lembrarán irremediablemente a mitoloxía grega e aqueles fíos de vida co que as Moiras controlaban o destino dos mortais. Sexa como for, un álbum moi recomendable para os máis pequenos da casa, que de seguro se converterá nunha das súas aventuras favoritas. pousadascr@gmail.com

Literatura Infantil e Xuvenil

ELOS DE LECTURA

Kalandraka publica unha edición especial de 'Ganapán das Palabras'

Kalandraka vén de cumprir dezaoito anos de traxectoria editorial e, para conme morar a súa maioría de idade, este ano recuperou na colección Demademora - cunha reedición especial o álbum Ganapán das palabras, que saíra por primeira vez do prelo en 1998, no ano de fundación da editorial. Ganapán das palabras, do profesor e escritor Xosé María Álvarez Cáccamo (Vigo, 1950) e da ilustradora María Xosé Fernández (Vigo, 1961), narra a historia dun neniño que perdeu cinco das cen palabras que posuía envoltas nun papel de celofán: pedra, cama, laranxa, lúa e pan. Como as cinco palabras ían cansas, escorregáronlle da man...

Para achalas, o neno axudouse dun espello e, sabedes o que aconteceu? As palabras caeron dentro, confundíronse e volvéronse do revés! As letras mudaron a súa posición orixinal e as palabras transformáronse en drape, maca, ula, xaranla e nap! Botando man dunha sinxela anécdota inicial, un neniño que extravía apenas cinco palabras aventureiras, Álvarez Cáccamo consigue que o álbum Ganapán das palabras resulte ser unha divertida e enxeñosa historia rimada que comeza xa no título, o cal nos convida a cazar palabras cun ganapán. Este álbum, destinado ao lectorado máis novo, presenta un discurso verbal sinxelo e próximo, un conxunto de breves versos rimados que van creando e configurando enredadas melodías. O texto gaña poder e enriquécese ao ir acompañado por un estilo visual envolvente que salienta o seu atractivo, provocando así unha lectura máis estimulante para as crianzas.

As ilustracións deseñadas por Mª Xosé Fernández caracterízanse pola presenza de cores vivas que destacan ao presentárense baixo diversos contrastes cromáticos, xunto con debuxos apracibles cargados de detalles que conseguen un álbum máis vivo, expresionista e vangardista. Ganapán das palabras configúrase como un álbum que convida ás crianzas a aprender e divertirse coas palabras. É poesía para que os máis novos comecen a experimentar coas letras e a súa orde. Para darlle unha reviravolta a estas e a outras moitas palabras que atopemos polo camiño. Sempre aproveitando a oportunidade de aprender, ler e xogar cos máis cativos, e poñendo a proba a súa –e a nosa- pericia. Unha lectura apta para rimar, cantar e rapear.