El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

A Berenguela, de Manuel María como opereta en Galaxia

ISABEL MOCIÑO. UVIGO/ELOS  | 02.10.2016 
A- A+

Neste ano dedicado ao poeta Manuel María, a fundación que leva o seu nome, en colaboración con editoras e outras institucións, está a desenvolver un intenso labor de difusión da súa obra ­creativa.
Detémonos hoxe nunha reedición da súa peza teatral Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, publicada por primeira vez en 1979 nos Cuadernos da Escola Dramática Galega e en formato libro en 1981 en Xistral, nunha edición para a AS-PG, con ilustracións de Pepe Barro.
Esta sinxela peza, que é unha das máis empregadas de Manuel María para a actividade teatral nos centros de ensino, publícase agora como opereta para voz narrada e cuarteto de clarinetes. A música é de Nani García (A Coruña, 1955) e as ilustracións, de Miguelanxo Prado (A Coruña, 1958), creadores que xa colaboraron en traballos de excelente calidade, como a película de animación De profundis (2007).
Co título de A Berenguela, esta versión da peza teatral de Manuel María conta cun esclarecedor limiar de Francisco X. Fernández Naval no que evoca o gusto do autor chairego polo teatro, explica a estrutura e o contido da peza e salienta a súa actualidade; detense tamén nas especiais características desta proposta, na que conflúen música, interpretación e ilustración, un diálogo interartístico a tres bandas que resulta ben complexo, tal como se detalla no seu desenvolvemento, e que salienta polas múltiples concomitancias coas técnicas que se empregan nos proxectos audiovisuais, ao traballar a voz como un instrumento musical máis no conxunto da peza.
Neste sentido, a narración da opereta salienta pola capacidade de María Inés Cuadrado (Bos Aires, 1963) para dar voz á ducia de personaxes que nela aparecen, aínda que sería recomendable un modelo fonético máis netamente galego e non tan neutralizado e próximo á prosodia castelá, o que sen dúbida pon de relevo a orixe foránea da narradora, quen fai un esforzo que xa sería de agradecer en moitos actores e actrices galegos.
Unha suxestiva proposta para todo tipo de públicos que convida ao deleite auditivo e ao goce da imaxinación ao redor da loita pola liberdade dunha espiña de toxo inxustamente atacada e encarcerada que, coa axuda do Espírito do Monte, logra a desexada liberdade.
imocino@uvigo.es