El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Axente Riciños ao rescatedos máis desfavorecidos

Galaxia publica o poemario de Ana María Fernández Versos da tarde laranxa

CARMEN FERREIRA.   | 19.03.2017 
A- A+

O mestre de Educación Infantil, Inglés y Primaria Miguel López, coñecido literariamente polo seudónimo de El Hematocrítico, autor de varios blogs humorísticos de éxito, achégase á Literatura Infantil e Xuvenil con orixinais e divertidas reescrituras de contos coñecidos universalmente procedentes da literatura de transmisión oral, ao modo das técnicas innovadoras que o mestre italiano Gianni Rodari expuxera na súa coñecida Gramática da fantasía, recurso que debería ser habitual no ensino para fomentar a creatividade do alumnado.

Grazas a Edicións Xerais de Galicia, o lector pode achegarse á súa obra traducida ao galego. Se na anterior entrega coa que se estreou na LIX, Feliz Feroz. O lobiño riquiño (Xerais, 2016), ofrecía unha revisión do famoso conto Carapuchiña vermella a través da perspectiva do personaxe do lobo, debuxado como un ser bondadoso que non é quen de ser feroz; nesta nova entrega, Axente Riciños (Xerais, 2016), reconstrúe o coñecido conto da tradición británica Riciños de ouro.

Axente Riciños é unha nena moi curiosa, destemida e lista que anda polo bosque dos contos e que acode a solucionar os problemas dos personaxes de Brancaneves e os sete ananiños, Hansel e Gretel e O frautista de Hamelin. Ao modo dunha superheroína xusticieira, tal como presentan as ilustracións de Alberto Vázquez (A Coruña, 1980) que a debuxa co traxe característico dun superheroe, enfróntase aos malos, converténdose no terror dos personaxes que poboan os diferentes países e continentes dos contos clásicos. Rompe co estereotipo da típica nena princesiña e móstrase como unha nena xusta e espabilada, de modo que as accións que o lector coñecía agora non chegan nin a principiarse, grazas á actuación da Axente Riciños, que traballará pola xustiza cos axentes da orde, sendo nomeada filla predilecta do bosque.

Unha divertida reinterpretación que revira con humor contos coñecidísimos polo público lector infantil a través de diferentes estratexias, como as traducións, versións, adaptacións (incluso audiovisuais) e reescrituras que reinventan, renovan, modernizan, actualizan e transgreden elementos dos contos populares, dándolles unha nova vida máis lúdica, paródica e humanizadora, desmontando tópicos dunha maneira amena. verinesa@yahoo.es