El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

A fotografía de José Suárez chega ao Cervantes de París

A mostra sobre a obra do desaparecido artista galego foi inaugurada por Román Rodríguez// Aberta ate o 25 de maio

Suárez, esquerda, Vázquez, Bonet, o conselleiro Román Rodríguez e Sendón.  - FOTO: XdG
Suárez, esquerda, Vázquez, Bonet, o conselleiro Román Rodríguez e Sendón. - FOTO: XdG

MARÍA ABASCAL. PARÍS  | 12.04.2017 
A- A+

José Suárez. Uns ollos vivos que pensan, é a mostra que chega á capital francesa tras o seu paso por Santiago de Compostela, Madrid, Bos Aires e Montevideo, nun programa de itinerancias co que a Xunta, en colaboración con institucións como o Cervantes, o Centro Cultural Borges ou o Centro Cultural España da capital ­uruguaia, promove un maior coñecemento dun artista galego que se converteu nun nome imprescindible na historia da fotografía do ­século XX.

De feito, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, inaugurou onte na sede do Instituto Cervantes de París a exposición e lembrou que esta mostra, producida pola Xunta a través da Fundación Cidade da Cultura e inaugurada por vez primeira no 2015 no Museo Centro Gaiás, busca recuperar para a memoria a figura dun “creador que mudou a linguaxe da fotografía do seu tempo”, confesou.

Porque José Suárez “gozou dun amplo recoñecemento por parte da crítica e dos intelectuais do momento e inexplicablemente caeu nun esquecemento inxusto que temos a ­responsabilidade de reparar”, engadiu.