El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Dez lendas para encher de maxia a ponte do Pilar

Con descanso ou sen el, as tradicións populares son unha escusa para organizar algunha escapada e sacarlle proveito ao tempo de lecer

L.EIRÉ. SANTIAGO   | 12.10.2017 
A- A+

Uns terán ponte e a outros tocaralles traballar, pero en calquera caso sempre é un bo momento para lembrar as lendas que envolven tantos e tantos lugares máxicos de Galicia. Con descanso ou sen el, as tradicións populares sempre son unha escusa máis que xustificada para organizar algunha escapada e sacarlle proveito ao tempo de lecer. Hai un plan mellor?

Compostelavirtual.com
A lenda da raíña Lupa está vencellada ao Pico Sacro
FOTO: Compostelavirtual.com

1. Raíña Lupa. Protexida pola escuridade da noite, unha barca sen timón tripulada por catro homes achegábase á costa galega. Sen guía algunha, introduciuse nunha ría e atracou nunha minúscula praia. Os tripulantes saltaron a terra e sacaron da embarcación un corpo sen vida envolto nunha saba branca: o Apóstolo Santiago. Na procura dun lugar axeitado para darlle sepultura, encamiñáronse cara un castelo que atisbaron ao lonxe coa intención de pedir unha parella de bois. Alí foron recibidos pola raíña Lupa, figura aliada dos romanos, que lles fixo pasar por non poucos apuros. A lenda conta que os mandou ao Pico Sacro coa esperanza de que o dragón e os bois, en realidade toros bravos, os eliminaran. A piques de morrer ante os animais, os discípulos fixeron a sinal da cruz e provocaron o seu falecemento. Estos feitos provocaron a conversión da raíña e os seus vasalos ao Cristianismo.

Raúl A.
Santo André de Teixido
FOTO: Raúl A.

2. Santo André de Teixido. “Vai de morto quen non foi de vivo”, advirte o dito popular en alusión a este famoso santuario que hai en Cedeira. Lugar de peregrinación de sona, a lenda parte da chegada de Santo André ou dos seus restos a este punto localizado nas Rías Altas. Aí o relato sepárase en dúas versións. Na primeira o santo quéixase ao seu señor do afastado que se atopa o sitio e amosa o seu temor por que ningún romeiro se desprace ata alí. Na segunda compárase co seu compañeiro de apostolado, Santiago, que ten templo grande, camiño de sobras coñecido e miles de romeiros. En ámbolos dous casos, Cristo intenta tranquilizalo e asegúralle que ata alí “han de ir de mortos os que non foron de vivos”.

Carlos Magariños
Recreación polas rúas da Estrada da Santa Compaña
FOTO: Carlos Magariños

3. Santa Compaña. Galicia ten unha peculiar relación coa morte e quizáis unha das lendas con máis peso na súa tradición é a da Santa Compaña. Segundo a mitoloxía popular, consiste nunha procesión de ánimas que discorre a partir da medianoite polas parroquias co obxectivo de visitar todas aquelas casas nas que pronto haberá un óbito.

Roi Arias
Monte Paralaia, no Morrazo
FOTO: Roi Arias

4. Monte Paralaia. Parece ser que na zona do Morrazo, no monte do mesmo nome, hai unha cova chea de tesouros e de pasadizos secretos que desembocan no mar. Segundo a lenda, o ouro alí escondido só se pode rescatar na noite de San Xoán. É xusto nese intre cando as mouras que habitan o refuxio saen para lavar e peitear os seus cabelos, deixando o acceso libre.

Fernando Blanco
Compostela é unha das moitas cidades que se suma á celebración do San Xoán
FOTO: Fernando Blanco

5. San Xoán. Cada 23 de xuño celébrase en Galicia unha das noites máis máxicas do ano. Non hai vila na que non se prenda unha fogueira para chamar á boa sorte ou rematar cos feitizos das meigas. Un dos máis populares é o de saltar nove veces por enriba do lume. Segundo a lenda, só así un poderá atraer a boa fortuna e logrará que se cumpran os seus desexos. Outra tradición é recoller plantas aromáticas de diferentes clases, deixalas en auga ao luar toda a noite e, pola mañá, lavar a cara con esta preparación.

6. A coroa do lume. Esta lenda ten a súa orixe no mosteiro de San Vicente do Pino, en Monforte de Lemos. Conta a tradición que había un pasadizo soterrado entre o pazo no que residían os Condes de Lemos e a igrexa de San Vicente. Aproveitando as ausencias do noble, o abade atravesaba o corredor para manter encontros coa súa filla. Un día o conde decatouse e decidiu vingarse colocándolle ao clérigo unha coroa de lume enriba da cabeza, provocándolle así a morte ao instante.

Guillén Pérez
Di a lenda que Deus, no sétimo día da súa creación, sentou a descansar no monte de Santa Tegra (A Guarda) e provocou o nacemento das rías
FOTO: Guillén Pérez

7. A lendas das rías. Di a lenda que Deus, no sétimo día da súa creación, sentou a descansar no monte de Santa Tegra (A Guarda). Mentres repousaba, escorregou do seu asento, cheo de lodo a causa das intensas choivas. Para manter o equilibrio, apoiou a man dereita sobre o fango. Foi así como, ao retirar a súa man, deixou cinco grandes fendeduras que rapidamente foron ocupadas polo mar, dando lugar ás rías de Vigo, de Pontevedra, de Arousa, de Muros e Noia e a de Corcubión…

Linda Hartley
Muxía, en Costa da Morte
FOTO: Linda Hartley

8. A Costa da Morte. O topónimo procede dunha lenda oral de mediados do século XVI, pero no foi ata finales do XIX cando a escritora británica Annette Meaking o puxo por escrito por primeira vez. Amiga persoal da raíña Vitoria, levaba anos escoitando as desgrazas que asolaban a zona, un punto negro no que se viñan rexistrando constantes naufraxios. Por iso, comezou a aludir a este recuncho de Galicia como Coast of Death.

Amio Cajander
A popular Sombra do Peregrino, na praza da Quintana
FOTO: Amio Cajander

9. A Sombra do Peregrino. Segundo o relato que se foi transmitindo de xeración en xeración, hai unha sombra que acompaña ao peregrino durante o longo traxecto pola Ruta Xacobea. Sente a súa presenza durante os tramos máis duros, pero tan só existe un lugar onde o peregrino se atopa con ela: na praza da Quintana. Unha das lendas con máis sona en Compostela, a Sombra do Peregrino converteuse nos últimos tempos nunha das imaxes máis fotografiadas de Santiago. Hai outra versión que vincula a imaxe á alma dun peregrino que ficou para sempre na Catedral. Para outros, sen embargo, lembra a figura dun romeiro francés do século XV, Leonard du Revenant, fillo dun noble francés, sobre o que pesarían tres mortes e un triste destino. A lenda máis estendida ten que ver coa traxectoria dun sacerdote da basílica compostelá, namorado dunha monxa de clausura do convento de San Paio. Parece ser que, baixo a escalinata da praza, había un pasadizo que comunicaba o templo co cenobio. Pasado o tempo, o cura propúxolle á súa amada que escaparan xuntos. Citouse con ela e vestiuse de peregrino medieval para non chamar a atención durante a fuga. Ela nunca apareceu e el segue alí agardando, noite tras noite.

José Losada
Torre de Hércules
FOTO: José Losada

10. Torre de Hércules. Aínda que son moitas as lendas que envolven o monumento, a do rei Alfonso X o Sabio é a que ten maior relevancia. Segundo conta en Estoria de Espanna, foi o heroe grego Hércules o que construíu un enorme faro para conmemorar a súa victoria sobre o xigante Xerión. O enfrontamento entre ambos durou tres días coas súas correspondentes noites, ao cabo das cales Hércules se proclamou vencedor despois de cortarlle a cabeza e enterrar ao seu contrincante xunto ao mar. Ademais de levantar o faro, nas súas proximidades fundou unha cidade á que lle deu o nome de Crunia, en lembranza da primeira muller que habitou este lugar e da cal o heroe se namorou.