El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Adeus familia e amizades, adeus terra onde me criei

RAQUEL SENRA FERNÁNDEZ. ELOS  | 09.07.2017 
A- A+

Se agora mesmo che propoño facer realidade o teu soño a cambio de marchar lonxe da túa terra e da túa xente... que farías?
A esta pregunta ten que responder o protagonista desta historia cando, tras vivir sempre no bosque, o convidan á cidade para dar concertos de piano ante milleiros de espectadores... Quen será o afortunado de semellante oportunidade? Pois un oso pardo que aprendeu a tocar o piano e a súa melodía converteuse no seu medio de transporte a lugares descoñecidos e afastados... Ante a proposta de marchar á cidade, o protagonista decide aventurarse para facer realidade o seu soño... Mais, unha vez na cidade, pensas que será feliz? Ou pode que sinta morriña pola súa terra? Quizais sinta paixón pola fama? Terá tempo de se lembrar das amizades que deixou no bosque? Ou quererá vivir na cidade para sempre? O oso e o piano é un álbum ilustrado creado na súa totalidade polo escritor e ilustrador británico David Litchfield (Bedford, 1984) que foi galardoado co premio Waterstones Children’s Book ao mellor álbum ilustrado no 2016. A versión galega, publicada o pasado 2016 por Hércules de Ediciones, foi realizada por Pilar Bendoiro (Lalín, 1983), tradutora que conseguiu meternos na historia que se narra conservando o estilo sinxelo e pausado do texto orixinal. A composición das ilustracións que predomina é a de dobre páxina, aínda que tamén atopamos imaxes en serie sobre fondo branco ou marrón que o ilustrador adoita empregar para representar o paso do tempo ou para describir varias accións que acontecen nun período moi breve. O contido visual está cheo de detalles, o que permite percibir a pelaxe dos osos ou as fendeduras nas cascas das árbores. A paleta de cores consiste nunha gama de tons suaves cos que reflicte a luz maxistralmente. Ademais, o emprego da luz é moi importante na historia ao existir unha forte oposición entre claro e escuro para describir e diferenciar o bosque e a cidade, respectivamente. A combinación de ilustración e texto é admirable porque imaxe e palabra se complementan creando un diálogo ao unísono que incita a perderse polas súas páxinas e a descubrir máis detalles con lecturas posteriores. Unha historia para cativos que tamén emociona os adultos por mesturar sentimentos que decotío implican a situación de vivir lonxe do fogar. Un álbum que invita a percorrer mundo, a perseguir soños, pero tamén a volver á terra e a non esquecer as raíces.
raquel. senfer@gmail.com